Quen somos

© Jesús Blasco

As migracións son unha realidade do noso tempo. Milleiros de persoas vense obrigadas a abandonar os seus fogares, por mor de situacións de violencia, conflitos, empobrecemento, desigualdade, desastres naturais ou cambio climático, e buscan construír un futuro mellor noutros lugares. España recibe persoas migrantes e refuxiadas desde diversas rexións do planeta. Por iso, desde a campaña Hospitalidade queremos acompañar estas persoas e dar unha resposta integral de acollida, solidariedade e integración perante esta realidade. 

© Sergi Cámara
© Sergi Cámara

Camiñar coas persoas excluídas é unha das Prioridades Apostólicas Universais da Compañía de Xesús para o decenio 2019-2029. Camiñar canda as persoas pobres, as descartadas do mundo, as vulneradas na súa dignidade nunha misión de reconciliación e xustiza é unha das prioridades para reducir a fenda social e non deixar ninguén atrás. 

As organizacións do Sector Social da Compañía de Xesús sumamos o noso coñecemento e o noso traballo para a promoción dunha cultura de solidariedade e inclusión coas persoas migrantes e refuxiadas. Centrámonos principalmente en tres áreas:

  • Cooperación internacional (Alboan e Entreculturas).
  • Migracións (a rede do Servizo Xesuíta a Migrantes e as súas obras).
  • Infancia e xuventude en risco de exclusión social (a rede Mimbre e as súas obras).

QUE FACEMOS

A campaña Hospitalidade estrutúrase en catro grandes áreas de actuación:

Acollida.

As redes de acollida e acompañamento supoñen unha parte fundamental da esencia do noso traballo e son a chave para xerar autonomía, inclusión e o pleno acceso á cidadanía.

A nosa resposta céntrase naquelas persoas que se viron forzadas a migrar e que ademais achan dificultades para acceder aos sistemas oficiais de acollida ou as que están en situación de especial vulnerabilidade. A acollida non só comprende recursos de aloxamento residencial, senón procesos de acompañamento socio-laboral, alén de atención legal, psicolóxica, educativa e, en definitiva, vías de integración e acceso á cidadanía.

Cooperación internacional.

A nosa resposta pretende tamén abordar as causas que xeran os movementos migratorios forzosos en orixe. É fundamental acompañar aquelas persoas que buscan unha vida digna e segura, tamén máis alá das nosas fronteiras.

Xunto ao Servizo Xesuíta a Refuxiados (JRS) levamos a cabo un labor de acompañamento educativo, laboral e psicosocial á poboación desprazada en rexións de Oriente Medio, África, América Latina, Caribe e Europa, así como en contextos de emerxencia humanitaria.

Sensibilización.

Na nosa resposta, cómpre ollar o longo prazo, máis alá de solucións inmediatas e de emerxencia. Comprender as causas que xeran os movementos migratorios, entender as persoas que se puxeron en camiño e sentírmonos interpelados pola súa realidade é fundamental para xerar unha transformación social que amose o compromiso coa solidariedade, a inclusión e a xustiza.

Por iso, cremos que é esencial informar e sensibilizar a sociedade para xerar unha cidadanía comprometida coa xustiza, a inclusión e a hospitalidade.

Incidencia.

Durante estes últimos anos apreciamos que as respostas políticas da Unión Europea e os Estados membros perante a chegada de miles de persoas con necesidades de protección foron restritivas e insuficientes, empurrando estes colectivos a unha maior vulnerabilidade. Os gobernos apostaron, na súa maioría, por un aumento do investimento no control das fronteiras e en mecanismos de rexeitamento, así como de externalización da xestión migratoria.

A resposta común europea en 2022 ante a fuxida de millóns de persoas pola guerra na Ucraína demostrou que, de existir vontade política, se poden articular respostas que permitan crear vías legais e seguras para quen foxen da violencia, da persecución e da extrema pobreza. Durante os últimos anos acompañamos persoas procedentes doutras zonas de conflito e de desigualdade que deberon afrontar perigosas rutas para acceder a Europa. Por todo isto, traballamos mediante a mobilización social e a incidencia política para que as autoridades adopten medidas de protección e apoio para as persoas migrantes e refuxiadas.

QUERES PARTICIPAR NESTA INICIATIVA?

A túa axuda é fundamental para construír unha cultura de solidariedade e inclusión coas persoas refuxiadas e migrantes.

Skip to content