4 palabras para abrir o mundo: Entreculturas e JRS no Día das Persoas Refuxiadas

O pasado 20 de xuño a Fundación Entreculturas e o Servizo Xesuíta a Refuxiados (JRS polas súas siglas en inglés) lanzaban a campaña ‘4 words to open the world’ (4 palabras para abrir o mundo) inspirada nos catro verbos do Papa Francisco que pretenden ser a forza do cambio para millóns de persoas que se ven obrigadas a deixaren a súa casa por mor da violencia ou a pobreza: Acoller, Protexer, Promover e Integrar as persoas migrantes e refuxiadas.

Hai máis de 36 nenas e nenos refuxiadas no mundo que precisan de ter acceso aos seus dereitos e necesidades básicas, sobre todo acceso á educación, e ademais que os gobernos que cadren poidan garantir a súa protección persoal. Máis da metade das persoas refuxiadas son nenos e nenas (un 51%) e, amais, a media de estadía fóra do fogar é de dezasete anos. A maior parte da poboación infantil refuxiada pasará toda a súa vida escolar a vivir en situación de refuxio. Por iso, nesta liña traballan Entreculturas e JRS con proxectos conxuntos en numerosos lugares onde existe un conflito prolongado próximo que provoca este desprazamento humano.

Ambas as entidades lanzaron a campaña cunha rolda de prensa celebrada o 19 de xuño nun colexio de Madrid. Para iso contaron coa presenza de Fadi Daou, director de proxectos de SJR en Bourj Hammoud, Líbano; e Hanna Khoury, refuxiado sirio e un dos profesores nunha das escolas de SJR en Líbano, como convidados especiais do acto. Ambos representan o traballo de acceso á educación no que se traballa no Líbano con poboación infantil desprazada en Siria. Daou explicaba que “dos 550.000 nenos e nenas refuxiados no Líbano, o 60% non van á escola. A maioría viviu experiencias traumáticas de xeito que a escola pretende abrazalos e acollelos para axudalos a reconstruíren as súas vidas”. Khoury comentaba que “o máis importante para as persoas refuxiadas é sentírense amadas, unha man que se preocupe por eles e os apoie e ollos para ver que tamén son seres humanos”.

Con motivo desta campaña levouse a cabo un intercambio de deseños. Os 25 alumnos e alumnas de Hanna Khoury realizaron deseños que amosan o seu mundo ideal e que entregaron hoxe aos nenos e nenas do Colexio Divino Corazón de Madrid. Á súa vez, Hanna recolleu deseños que os nenos de Madrid fixeron para os seus alumnos sirios e que lles entregará á súa volta. Un intercambio que une alén fronteiras a nenos e nenas que piden unha cultura da acollida e a solidariedade.

Tanto Fadi coma Hanna iniciaron unha minixira por Madrid, Barcelona e Zaragoza na que mediante diferentes palestras e coloquios deron testemuño en primeira persoa da situación que vive a poboación refuxiada siria no Líbano.