50º Aniversario do Secretariado para a Xustiza Social e a Ecoloxía

O Congreso polos 50 anos do Secretariado para a Xustiza Social e a Ecoloxía (SJES) tivo lugar a semana do 4 ao 8 de novembro na curia Xeral de Roma. O SJES naceu en 1969 a instancias do P. Pedro Arrupe, e conmemora durante 2019, cincuenta anos de dedicación á misión de promover a xustiza social e a reconciliación.

O Congreso contou cunha ampla participación española de 13 persoas. Cinco xesuítas vinculados desde hai décadas ao sector social -Daniel Villanueva, Higinio Pi, José María Segura, Alberto Ares e Patxi Alvarez, quen fora director do devandito secretariado durante o Xeneralato do P. Adolfo Nicolás. E sete laicos, entre eles o delegado do sector social, Luis Arancibia, canda María del Carmen de la Fuente (SJM), Miguel Ángel Segura (Red Mimbre), Xavier Casanovas (Centros FCJ), María del Mar Magallón (SIP), Guillermo Otano (Alboan) e Ramón Almansa (Entreculturas).

O cincuentenario é un kairós, un momento histórico da Compañía de Xesús para renovar o compromiso na misión dunha fe que fai xustiza e busca a reconciliación, e unha gran ocasión para relanzar a súa dimensión social e ecolóxica. Este congreso internacional, contará coa presenza de máis de 210 persoas entre xesuítas, expertos e activistas de todos os continentes, comprometidos co que o papa Francisco chama as “periferias” do mundo.

Os desafíos que enfronta o mundo hoxe son máis complexos que os de hai 50 anos. Vivimos un cambio de época histórica na Humanidade xa visualizado polo Concilio Vaticano II.  Por iso, este encontro ten tres obxectivos: (1) celebrar a fidelidade de Deus neste camiño, (2) discernir a folla de ruta para pór en práctica as Preferencias Apostólicas Universais (PAU)- as orientacións que guiarán a Compañía de Xesús nos próximos dez anos- no sector social e (3) crear oportunidades para a colaboración e o traballo en rede con outros.

Unha oportunidade para recordar o pasado do SJES: os logros, os fitos alcanzados, as leccións aprendidas. Tamén unha oportunidade para traballar sobre como pode o SJES contribuír para que se respecten os dereitos humanos e as liberdades fundamentais das persoas coas que traballa no mundo enteiro: desde a loita contra a explotación ambiental en Honduras ata a rehabilitación dos mozos pandilleiros nos Estados Unidos; desde os dalits ou intocables e indíxenas desprazados das súas terras na India, ata os desafíos educativos cos mozos en África; do traballo cos migrantes e refuxiados que chegan a Europa, ata o compromiso contra a mudanza climática.

Comezou a primeira xornada cunha oración guiada pola CPAL na que se recordaron as palabras proféticas de Arrupe: «o compromiso pola xustiza tomado en serio terá un prezo»… a sesión inaugural decorreu na Aula Magna da Curia Xeral coa presenza do Superior Xeral da Compañía de Xesús, el P. Arturo Sosa SJ, o Cardeal Peter Turkson, Prefecto do Dicasterio Vaticano para a Promoción do Desenvolvemento Humano Integral, o Cardeal Michael Czerny SJ, Subsecretario da Sección de Refuxiados e Migrantes do Vaticano, o Cardeal Pedro Barreto S.J, Arcebispo de Huancayo e Vicepresidente da Conferencia Episcopal Peruana (CEP), e o P. Xavier Jeyaraj SJ, Secretario para a Xustiza  Social e a Ecoloxía.

O P. Xeneral, na súa intervención fixo un rápido percorrido polos fitos que compoñen este 50 aniversario e convidou os presentes a traeren a estas sesións, os rostros das persoas ás que serven, os rostros dos mártires pola causa da xustiza. Convidounos a agradecer o vivido, pero sobre todo a disporse a acompañar a Xesús e ao seu pobo nas fronteiras: «Aproveitemos, pois, este momento tan especial desde o que Deus nos está outra vez a falar e convidando a facer memoria, agradecer, discernir e tomar decisións audaces, ousadas e arriscadas para acompañar a Xesús e o seu pobo nas realidades de fronteira, xunto aos máis excluídos, pobres e vulnerables».

Na súa intervención, Xavier Jeyaraj, Secretario del SJES, percorreu a historia recente do Secretariado e referiuse á inspiración fundacional de Arrupe. Seguidamente, o cardeal Peter K.A. Turkson, presentou o tratamento da Xustiza que abrolla da fe na Doutrina Social da Igrexa e interpelou os presentes coa idea de que o trato que, no seo da nosa sociedade, damos aos pequenos, acaba por nos definir.

Rematou a primeira sesión coa intervención do Cardeal Michael Czerny SJ que convidou a unha tripla conversión como Igrexa: Cultural, Ecolóxica e Sinodal. Trala pausa, o xesuíta español Patxi Álvarez, anterior secretario do SJES, expuxo un percorrido histórico do apostolado social da Compañía. Presentou o xerme da misión obreira, sacerdotes enviados a seren pobres entre os pobres e vivindo entre os mesmos traballadores e compartindo as súas reivindicacións. Así mesmo recorreuse ao legado de Pedro Arrupe e os puntos esenciais das Congregacións Xerais. Rematou a súa intervención convidando os presentes a pensaren modos creativos de dar respostas globais a desafíos globais.

Finalizou a mañá con dous emocionantes testemuños do compromiso pola xustiza que abrolla da fe. Jenny Cafiso compartiu a súa vida entregada como enfermeira ao servizo dos pobres en diferentes contextos e como encontra a Deus no medio da dor e o sufrimento. Ismael Moreno SJ (el Padre Mello), deixou os asistentes conmovidos despois de nos ter relatado a persecución que sofren os defensores da Xustiza en Honduras e como a súa esperanza nace da fe no “señor dos menceres”, a quen encontra na acollida das comunidade e na resiliencia dos pobres que acompaña.

Rematou a xornada con grupos de conversa espiritual pola tarde e unha eucaristía en memoria do P. Pedro Arrupe e máis dos 57 «mártires» xesuítas que entregaron a súa vida pola causa da fe e a xustiza en distintos lugares do mundo ao longo destes 50 anos.

Durante os días seguinte, o grupo de participante puido coñecer máis en profundidade algunha das áreas territoriais e ámbitos de traballo social de diferentes entidades xesuítas do mundo. O xoves 7 de novembro pola mañá, o Papa Francisco recibiu os participantes nunha audiencia privada no Pazo Apostólico do Vaticano, animándoos a continuaren o traballo coas persoas excluídas da sociedade e a estaren “ao servizo dos crucificados do noso tempo”. Ademais, reivindicou a figura do Padre Arrupe. “Creu sempre que o servizo da fe e a promoción da xustiza estaban radicalmente unidos”.

Nesta ligazón encontrará un documento con todo o máis destacado do evento. Pódese visitar tamén o especial na web de SJES e a galería de fotos dos cinco días do encontro.