Buscando unha resposta integral para os emigrantes vulnerables dentro e fóra de África

Entre o 20 e o 22 de xaneiro tivo lugar a Conferencia Internacional sobre migración e refuxio en Nairobi. Esta conferencia foi organizada pola Rede Xesuíta para a Xustiza e a Ecoloxía (Jesuits Justice and Ecology Network – JENA) e reuniu centros sociais, o Servizo Xesuíta a Refuxiados, universidades, a rede de mozos Lead Magis, institucións da igrexa e colaboradores europeos da misión. Entre os colaboradores europeos encontrábanse algunhas das nosas institucións, como Entreculturas, Alboan, SJM España, o Instituto Universitario de Estudos sobre Migracións (UPComillas) e o DDM en Nador. 

Os obxectivos da conferencia foron completar o mapeo do ministerio xesuíta para os migrantes vulnerables en África, desenvolver estratexias para a coordinación dos ministros xesuítas para migrantes e refuxiados e desenvolver estratexias de colaboración institucional internacional entre os ministros xesuítas en África e en Europa.

Durante a primeira metade da conferencia, os relatores e as relatoras subiron á mesa para subliñar os grandes retos políticos, sociais e económicos aos que se enfrontan os migrantes vulnerables en distintas rexións de África. As seguintes sesións incluíron un exercicio de mapeo entre os participantes, seguido de discusións en grupo que lles permitiron participar nun espazo de colaboración. A conferencia identificou seis áreas de colaboración, e definiu unha estrutura de rede sinxela para controlar os seus resultados.

“Atendendo os migrantes vulnerables comprobamos que o traballo en rede é o mellor xeito de nos organizarmos“, admitiu o padre Charles Chilufya SJ, director da Rede Xesuíta para a Xustiza e a Ecoloxía (JENA).

Este foi o documento final acordado nesta Conferencia Internacional.

 

Conferencia Estratéxica Internacional sobre Persoas Migrantes e Refuxiadas

Buscando unha resposta integral para os emigrantes vulnerables dentro e fóra de África

 

“Nós, Xesuítas e colaboradores/as en África, inspirados nas Preferencias Apostólicas Universais da Compañía de Xesús e no chamamento do Papa Francisco, comprometémonos a acoller, protexer, promover e integrar os migrantes vulnerables.

O noso chamamento para atender os migrantes vulnerables inclúe as persoas desprazadas forzosamente – desprazadas internas, refuxiadas, solicitantes de asilo e apátridas – superviventes do tráfico de persoas, persoas en tránsito e retornadas forzosamente.

Atendendo de forma colaborativa os migrantes vulnerables, prestaremos especial atención a aqueles que sofren discriminación por razón de xénero, idade ou discapacidade. “

 

Sobre a Rede Xesuíta para a Xustiza e a Ecoloxía (JENA)

A Rede Xesuíta para a Xustiza e a Ecoloxía (JENA) é unha comunidade diversa de ONG Xesuítas inspiradas na fe, tamén coñecidas como Centros Sociais, Institucións Xesuítas próximas, activistas xesuítas pola paz e o desenvolvemento e académicos/as movidos pola visión dunha África xusta, sen pobreza, pacífica e ecoloxicamente sostible. JENA traballa baixo a protección da Oficina para a Xustiza e a Ecoloxía da Conferencia Xesuíta de África e Madagascar (JCAM).