Caravanas Invisibles: a caravana migrante e os migrantes hondureños en España

A chamada caravana migrante, que estes días percorre México, reflicte unha dinámica que non é nova e que se vén repetindo nas últimas décadas no anonimato. Todos os nosos ollos deben mirar cara a esta caravana pero tamén cara a aquelas caravanas invisibles formadas por milleiros de persoas de Centroamérica que desde hai varios anos están a chegar a España, e tamén quedan retidas noutros países e zonas da rexión latinoamericana.


A chamada Caravana Migrante que estes días atravesa México co obxectivo de chegar aos Estados Unidos son en realidade tres caravanas, nas que hai un total de 7.000 persoas, entre elas numerosas mulleres e nenos e nenas. O primeiro grupo partiu de Honduras a mediados de outubro e está formado sobre todo por persoas procedentes deste país (nun 85%), malia a que tamén hai persoas de Guatemala, O Salvador e Nicaragua. Durante o traxecto por Centroamérica e México a caravana sufriu presións gobernamentais, criminalización por parte da sociedade e as institucións, detencións e repatriacións, e tamén desaparicións e secuestros. Recentemente un primeiro grupo alcanzou a fronteira con EE. UU. de Tijuana.

Tal e como manifestou a Rede Xesuíta con Migrantes latinoamericana (RJM-LAC), Honduras é un Estado con déficit democrático, con altos índices de corrupción, limitación de liberdades públicas e persecución a defensores dos dereitos humanos. Existe, así mesmo, un imparable crecemento da pobreza: o PIB hondireño é dez veces inferio ao de EE.UU e o índice Gini de desigualdade amosa que un 60,9% da poboación vive por baixo do limiar da pobreza e o 38,4% en condicións de pobreza extrema.

A estes factores unéselle a realidade de ser un país extremadamente violento, cuxo índice anual de homicidios é dos máis elevados do planeta (56 por cada 100.000 habitantes, en España é de 0,7). Esta violencia responde, entre outras causas, aos elevados niveis de impunidade, o alto índice de desemprego xuvenil (o 53 dos mozos e mozas están desocupados), a presenza de maras e bandas criminais organizadas e unha crecente presión do narcotráfico. Por outra banda, en termos de acceso á educación e á saúde, Honduras ocupa no IDH (Índice de Desenvolvemento Humano), o lugar 133 de 189 países e un 11,1% da población é analfabeta.

A resposta dos Gobernos de México e os Estados Unidos resultou no endurecemento das políticas migratorias que implica o incremento da perigosidade da ruta que atravesa o país mexicano, pondo a poboación migrante nunha situación de enorme vulnerabilidade e atropelando a súa integridade física, psicolóxica e sexual. Segundo datos da OIM, o incremento de persoas hondureñas retornadas desde México entre os tres primeiros meses de 2017 respecto aos de 2018 foi do 52,8%, mostra a incoherencia da xestión migratoria do país que á súa vez sofre as mesmas políticas no norte polos EE. UU.

Ademais, o presidente dos EE.UU. Donald Trump mobilizou as tropas na fronteira, chamou criminais aos integrantes da caravana e considerounos unha ameaza para seguridade do país. Non só iso: o goberno estadounidense suspendeu a posibilidade de conceder asilo a aquelas persoas que entren “ilegalmente” no país. Estas políticas poñen en risco os acordos internacionais sobre dereitos humanos, mobilidade e protección, ademais de agravaren a situación das persoas migrantes da caravana ao seren obxecto de criminalización.

Unha situación semellante é a que se dá en España, un dos países onde máis persoas centroamericanas solicitan asilo e cuxa terceira nacionalidade estranxeira en aumento en 2017 foi a hondureña. O pasado ano case mil personas hondureñas solicitaron protección internacional en España, e só foron resoltas 30 solicitudes, tendo sido todas rexeitadas. As persoas que chegan a España fuxindo da situación de violencia e empobrecemento xeneralizados non ven satisfeitas as súas necesidades e os seus dereitos de protección no noso país.

Por iso, desde a campaña Hospitalidad, formada por entidades sociais xesuítas de cooperación e migracións que manteñen fortes lazos con organizacións irmás de Latinoamérica, lanzamos cinco propostas principais sobre as Caravanas Invisibles:

  • Dotar de recursos de atención humanitaria e protección aos migrantes centroamericanos.
  • Ir á raíz do problema: recoñecer as causas do desprazamento e os seus causantes.
  • Mudar o sistema de asilo en España.
  • Promover unha cultura de Hospitalidade entre os pobos e os seres humanos.
  • Contemplar a migración como unha oportunidade e un dereito.

 

PODES CONSULTAR O DOCUMENTO COMPLETO AQUÍ

 

Pódese consultar máis información sobre o noso traballo na web www.hospitalidad.es, e/ou contactar connosco no correo contacto@hospitalidad.es.