Para celebrar a Xornada Eclesial Mundial do Migrante e Refuxiado do pasado domingo 14 de xaneiro, a campaña Hospitalidad, como parte da Rede #MigrantesConDerechos, promoveu a participación en Círculos de Silencio cos que reflexionar e dar visibilidade á realidade á que se enfrontan as persoas obrigadas a desprazárense dos seus países fuxindo da violencia e persecución, e reclamamos, en sintonía coa Mensaxe do Papa Francisco para esta xornada, que a nosa sociedade occidental poida ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER E INTEGRAR as persoas migrantes e refuxiadas.
O Papa Francisco lanzou unha mensaxe o pasado verán a propósito da realidade das persoas migrantes e refuxiadas: “A integración comeza co coñecemento. O contacto co outro lévanos a descubrir o segredo que todo o mundo leva consigo, e tamén o don que representa. E polo tanto a aprender a amalo, a superar o medo, axudándoo a incorporarse á comunidade que o acolle. Cada un de vós ten a súa propia historia. E cada unha desta historias ten algo de sagrado, cómpre respectala, aceptala, acollela e axudar a seguir adiante.
Este chamamento a participar nos Círculos de Silencio foi posible grazas ao traballo da Rede Migrantes con Dereitos, da que Hospitalidad forma parte como campaña do Sector Social de Xesuítas, canda os compañeiros de Cáritas, Justicia y Paz, CONFER (na cal se integra a Compañía de Xesús) e a propia Comisión Episcopal de Migracións. O obxectivo principal era poder realizar un acto de sensibilización na rúa que concienciase as persoas que están vinculadas a estas obras e delegacións destas entidades, en consonancia coas propostas realizadas desde o propio Vaticano, coa Mensaxe do Papa e o traballo da sección de Migrantes e Refuxiados para alcanzar acordos satisfactorios nos Pactos Globais impulsados polas Nacións Unidas o próximo mes de setembro, e a nivel nacional pola Conferencia Episcopal Española e a súa Comisión de Migracións.
Durante toda a semana pasada, previa ao domingo, celebráronse Círculos de Silencio en varias cidades españolas: Cádiz, Valladolid, Burgos, Bilbao, Málaga ou Madrid (na imaxe), nas que participaron algunhas obras sociais da Compañía de Xesús e varias Cáritas diocesanas, xunto a outras entidades sociais da Igrexa, unidas para dar visibilidade e sensibilizar sobre a aínda dramática situación das persoas migrantes e refuxiadas ao redor de todo o mundo.