Palestra “Mulleres na Fronteira” con Helena Maleno

A Casa San Ignacio de Madrid foi o escenario no que se celebrou a palestra ‘Mulleres na Fronteira‘, a cargo da activista polos dereitos humanos Helena Maleno, do colectivo Camiñando Fronteiras. Grazas à organización de SJM xunto a Pueblos Unidos e o Instituto Universitario de Estudios sobre Migracións (IUEM) da Universidad de Comillas, centos de persoas puideron escoitar o testemuño de Helena sobre a situación das mulleres na fronteira sur española con Marrocos.

O acto comezou coa breve introdución por parte de Severino Lázaro sj á realidade do traballo do Sector Social de Xesuítas no barrio de Ventilla. A seguir, Iván Lendrino, director de Pueblos Unidos, presentou o traballo da entidade e do SJM en Frontera Sur; así como Alberto Ares sj presentou a Helena Maleno facendo un percorrido pola súa traxectoria profesional e persoal.

Helena Maleno comezou a charla cunha breve introdución á realidade das mulleres nun contexto de violencia xeneralizada como é a fronteira. “Son unha muller de fronteira, que vive na fronteira e que foi atravesada por esa fronteira”. Subliñou a importancia da comunidade, do colectivo dentro da loita que manteñen as persoas migrantes na fronteira, e en particular as mulleres. Destacou algunhas historias de fronteira que despois se converteron en historias de éxito social no país.

Maleno destacou que é no ano 2000 cando comezan a verse mulleres na fronteira, mas non se lles dá visibilidade ata a seguinte década; malia a que sempre desde unha óptica vitimista e compasiva, sen pór a muller no centro. “As mulleres buscan construír o seu propio relato e defenderen aquilo que realmente son: loitadoras, lideresas, defensoras da súa dignidade, dos seus dereitos e das súas familias. As mulleres migrantes crean unha estratexia de resistencia fronte a todas as situacións de violencia en fronteira.” A activista puxo a énfase en que todo o proceso de defensa de dereitos humanos debe incorporar o restablecemento deses dereitos para ser completo.

Continuou o relato coa explicación do seu concepto de necrofronteira. “A fronteira é un negocio hoxe en día. Facer morrer e deixar vivir as persoas na fronteira, consideralas como mercadoría, é o sistema de negocio, que ten dúas industrias principais: a guerra e o control fronteirizo; ou o que é o mesmo: dor e escravitude”. E moitas destas prácticas de control migratorio fronteirizo susténtanse a través da violencia contra a muller. A trata con fins de explotación sexual, feminicidios, a violencia sexual cara á muller na ruta migratoria e como arma de guerra. “A sociedade xúlgaas como un perigo e non como aquilo que son: loitadoras”. A maternidade e a defensa da familia é outro factor importante, especialmente cando ocorren eventos tan terribles como a separación de nais e fillos, ou a retirada da custodia.

Helena Maleno pechou a súa intervención facendo un apelo a defender os dereitos das persoas que migran nun mundo cada vez máis pechado e con maior control fronteirizo. “Non temos dereito a migrar, pero tampouco temos dereito a non migrar”, di sobre as mulleres que loitan por buscar un futuro en paz lonxe do seu fogar. “As políticas de externalización afectan de forma directa á muller. “Elas teñen moitos medos, sobre todo o feito de non poderen cumprir o seu proxecto migratorio, no entanto teñen tamén moitas fortalezas e sentido de liderado”.  Pechou a intervención aludindo á necesidade de non permitir a criminalización de defensores dos dereitos humanos coma ela e facendo un apelo á esperanza de continuar a traballar para conseguir que tódalas persoas poidan vivir con dignidade.

Podes ver o vídeo completo da palestra nesta ligazón.