Comezan os #CamiñosdeHospitalidade

 

Arrancamos con forza a nova edición dos #CamiñosdeHospitalidade. Varios centos de persoas participaron nas catro camiñadas do pasado fin de semana en distintos lugares do territorio cun berro común: queremos unha Europa que defenda os dereitos das persoas migrantes refuxiadas. No marco da campaña  #ThePowerofVote de XRSE Europa, defendemos os valores da Unión Europea: a protección, a liberdade, a dignidade, a igualdade e a cooperación como pilares básicos dunha sociedade máis xusta, plural, acolledora e solidaria.

VALENCIA

En Valencia, varias foron as actividades que fixeron parte da acción de #CamiñosdeHospitalidade.  Os actos comezaron o pasado sábado 11 de maio coa recolla de residuos na Praia da Malvarrosa xunto á organización Miss Pachamama. O evento, que responde á iniciativa #MarSinPlastico, congregou unha vintena de persoas voluntarias do Centro Arrupe, SJM Valencia e Entreculturas  que, baixo un sol radiante, típico do Mediterráneo nestas datas, se xuntaron para limpar parte da praia da Malvarrosa de plásticos e lixo. Esta actividade está enmarcada dentro da campaña Hospitalidad #CamiñosDeHospitalidade , que levamos a cabo no mes de maio, para dar visibilidade ás causas que producen a migración forzosa de millóns de persoas cada ano. Unha das razóns xunto con outras de gran envergadura como son os conflitos armados, é o cambio climático que xera desastres naturais produto en parte dos nosos modelos de consumo.

Na tarde do venres 17 de maio organizouse a segunda edición da camiñada pola Hospitalidade. Un grupo dunhas 20 persoas, voluntarias do SXM, Entreculturas, Mujeres en Acción máis MAGIS saíron do Centro Arrupe cara á Praia da Malvarrosa, camiñando en demanda dunha Europa de acollida e de dereitos, que respecte a protección, liberdade, dignidade e igualdade das persoas migrantes e refuxiadas.

MADRID

O pasado sábado 18 de maio organizouse por segundo ano consecutivo a acción de #CamiñosdeHospitalidade na cidade de Madrid. Grazas á organización da campaña Hospitalidad na PAL Madrid, Pueblos Unidos, Entreculturas Madrid e a Universidade Pontificia de Comillas, máis de 80 persoas percorreron os tres quilómetros que separan o centro Xesuíta Maldonado da Universidade de Comillas na rúa Alberto Aguilera.

O acto de inauguración decorreu na sala Padre Arrupe de Maldonado. Iván Lendrino, director de Pueblos Unidos, abriu a mañá explicando a situación de acollida a refuxiados en Madrid. Daniel Villanueva sx, vicepresidente executivo de Entreculturas e Alboan, interveu explicando o sentido apostólico e social da campaña Hospitalidad e a importancia da cooperación internacional como ferramenta de análise da mobilidade humana. O peche correu a cargo de Lina Amer Baker, moza refuxiada iraquí acollida por Hospitalidad, que contou a súa experiencia de integración en España e os seus soños de futuro.

Acto seguido, iniciouse a marcha cunha primeira parada na sede do Parlamento Europeo de Madrid no paseo da Castellana onde se leu outro extracto do manifesto de Camiños. Tras reemprender a camiñada, unha nova parada na praza de Santa Bárbara foi o escenario para ler unha nova parte do manifesto de peticións políticas.

Para rematar, chegouse á Universidade de Comillas, onde as máis de 80 persoas foron recibidas por representantes do Instituto Universiario de Estudios sobre Migraciones (IUEM). Tras unha comida compartida, púxoselle o ramo a unha mañá na que as rúas do centro da capital madrileña enchéronse de Hospitalidade, reivindicando unha Europa con cultura de acollida e inclusión para as persoas migrantes e refuxiadas.

CÓRDOBA

Máis de 40 persoas volveron camiñar pola Hospitalidade, na ruta de Pedroches a Santo Domingo, na Serra de Córdoba, o pasado domingo 19 de maio.

Grazas á organización de entidades como Claver-SJM, Entreculturas, a Universidade Loiola Andalucía, a fundación EMET-Arcoiris… e a participación de solicitantes de asilo que viven a acollida en primeira persoa coas súas familias, percorréronse 10 quilómetros que se xuntan ao total de distancia camiñada por unha Europa que defenda os dereitos das persoas migrantes. Unha UE que defenda a protección, a liberdade, a dignidade, a solidariedade e a cooperación.

“Con estes camiños de solidariedade, estas saídas ao campo, queremos simbolizar o camiño que teñen que facer milleiros de persoas migrantes e refuxiadas no mundo. Solidarizarnos con esa difícil ruta, e con iso queremos reivindicar outra Europa, de cara ás eleccións europeas. Con estes camiños e esas lembranzas a eses milleiros de persoas que teñen que pasar por esas penalidades, queremos reivindicar unha Europa solidaria e acolledora”,  frisou Chema Castells, coordinador da Campaña da Hospitalidade en Andalucía.

LOIOLA

Máis de 200 persoas camiñaron desde Aizpurutxo (Azkoitia) ata o Santuario de Loiola o pasado domingo 19 de maio. Chegadas desde todos os recunchos de Euskadi e Navarra, a chuvia e as baixas temperaturas non arredaron á xente que se sumou para camiñar pola solidariedade e a hospitalidade.

Trala marcha, que transcorreu ao longo de 10 km da Vía Verde do Utola, as persoas participantes congregáronse na explanada do Santuario de Loiola para participar nunha votación simbólica a favor dunha Europa sen fronteiras.  Nas papeletas podíanse ler as reivindicacións, encamiñadas a crear unha Europa de protección, solidariedade, igualdade, de liberdade e dignidade.

As entidades da Compañía de Xesús en Euskadi e Navarra (PAT de Loiola) impulsaron a iniciativa por segundo ano, contribuíndo á construción dunha Europa de acollida e inclusión, e sensibilizando sobre a importancia de votar nas eleccións europeas por unha UE de dereitos. Grazas á participación de traballadores, voluntarios e usuarios de Alboan, Fundación Ellacuría e o seu proxecto Torre de Babel, a Asociación Loiola Etxea de Donosti, o Centro Padre Lasa de Tudela, Ongietorri Errefuxiatuak, colectivos de persoas migrantes e refuxiadas, e moitas máis persoas.