Defendendo a Helena Maleno

Na campaña Hospitalidad.es das obras sociais xesuítas e en alianza con outras obras sociais da Igrexa (a través da Rede #MigrantesConDerechos) e organizacións da sociedade civil, xuntamos forzas para defender a activista Helena Maleno, defensora dos dereitos das persoas migrantes en xeral e da súa mobilidade en particular, perante a acusación de tráfico de persoas por parte do goberno marroquí.

O pasado 31 de xaneiro Helena Maleno declarou no xuízo contra a súa persoa nun tribunal marroquí. Un interrogatorio que durou varias horas e que quedou visto para, nas próximas semanas, iniciar o xuízo formal ou arquivar a causa, como xa aconteceu en España. A acusación recolle a posible condena a cadea perpetua por tráfico de seres humanos, malia a que desde Ca-minando Fronteras, a ONG que lidera Maleno, e outros colectivos de migrantes, son aínda optimistas e agardan pola absolución, xa que o labor humanitario durante estes mais de 15 anos xamais foi posta en causa por que fose un posible delito, senón por ser unha forma de salvar vidas.

A Rede #MigrantesConDerechos (na que o Sector Social da Compañía de Xesús se integra dentro de CONFER, xunto a Justicia y Paz, Cáritas e a Comisión ) iniciou unha campaña exprés de recolla de sinaturas xunto a Oxfam Intermón e a Coordinadora de ONG para o Desenvolvemento. Máis de 30.000 persoas asinaron a petición, en apenas 36 horas, ao goberno español para que informase o marroquí sobre o arquivo da acusación no noso país anos atrás, xa que aínda non o fixera.

EN 2012, a UCRIF, Unidad Central de Redes de Inmigración Ilegal y Falsedad Documental, da Policía Nacional, abre unha investigación na que se acusa a Helena Maleno de colaborar coas redes de tráfico de persoas. Cando o caso chega á Audiencia Nacional, a Fiscalía arquiva a causa por considerar que as chamadas realizadas por Helena Maleno a Salvamento Marítimo, alertando de vidas en perigo no mar, non eran constitutivas de delito. As súas chamadas, simplemente, salvan vidas. A UCRIF trasladara a causa tamén a Marrocos agardando que un xuíz marroquí condenase o labor de Helena. Despois de varios adiamentos, o pasado 10 de xaneiro declarou perante o xuíz marroquí no Tribunal de Apelación de Tánxer.

Helena Maleno é unha defensora dos dereitos humanos das persoas migrantes na fronteira sur, que leva anos a salvar as vidas, cos seus avisos a Salvamento Marítimo, de milleiros de persoas que se arriscan cada día a cruzaren o estreito buscando iniciar un proxecto de vida digno en Europa.