Día internacional das persoas migrantes: #Comprométome coa Hospitalidade

Co gallo do Día Internacional das Persoas Migrantes, que se celebra hoxe, mércores 18 de decembro, lanzamos unha campaña de recolla de apoios na plataforma Visibles.org para facer un chamamento á sociedade a comprometerse cunha cultura de Hospitalidade para as persoas migrantes, baseada na acollida, a diversidade e a convivencia.

#Comprométome coas persoas migrantes, refuxiadas e solicitantes de asilo

Sabemos que a mobilidade humana é un fenómeno natural e que a nosa sociedade é e será, cada vez máis diversa. Por iso, é fundamental promover unha cultura da acollida digna, a diversidade e a convivencia. As persoas migrantes e en tránsito, as solicitantes de asilo e refuxiadas, os menores, mozos e mozas que migran sós, teñen dereitos e obrigas que deben de ser garantidos.

Como persoa comprometida cos Dereitos Humanos:

  1. Afirmo que tódalas persoas teñen o dereito de migraren na busca dun sustento e de seguridade; e tamén, o dereito a seren acollidas con dignidade e hospitalidade.
  2. Rexeitamento dos prexuízos, noticias falsas e á criminalización das persoas migrantes e dos/as activistas e ONGs que defenden os dereitos humanos.
  3. Asino e comprométome coas persoas que migran e procuran protección e un espazo de paz, a:
  • Manifestar a miña solidariedade, preocupándome pola realidade de todas e todos os irmáns e irmás que foxen da violencia e máis da pobreza, rexeitando os discursos xenófobos e as mentiras.
  • Acompañar as persoas que buscan construír un proxecto de futuro lonxe do seu fogar, na nosa sociedade, ofrecéndolles apoio na miña comunidade, o meu barrio ou a miña cidade.
  • Actuar e defender, pedindo aos responsables políticos que protexan estas persoas da violencia, a represión e a desigualdade, a fin de preservar a dignidade inherente a toda persoa.

O apoio de todas e todos, de toda a cidadanía, é moi importante. Coa túa sinatura estarás axudando outras persoas que migran e buscan refuxio.

Esta iniciativa, inspirada nunha petición da Ignatian Solidarity Network, está promovida pola campaña Hospitalidad e aberta a todas as organizacións afíns, que compartan os seus obxectivos e que queiran sumarse para involucrar a cidadanía e promover unha cultura de hospitalidade e acollida digna.

 

ASINA AQUÍ POLO TEU COMPROMISO CUNHA CULTURA DE HOSPITALIDADE PARA AS PERSOAS MIGRANTES E REFUXIADAS