O labirinto da Fronteira Sur

  • No seu novo relatorio ‘Sacar del Laberinto’, o SJM denuncia o conxunto de barreiras xurídicas e administrativas que atrapan as persoas migrantes, especialmente os solicitantes de protección internacional ou os menores estranxeiros non acompañados, no contexto fronteirizo de Melilla.
  • As malas prácticas en materia de devolucións sumarias, identificación, acceso á asistencia letrada, interpretación e información, supoñen unha ausencia de garantías para a protección dos dereitos das persoas migrantes.
  • A política de peche e externalización de fronteiras na UE impulsou as chegadas por mar, que no contexto da fronteira dilúen os límites entre as obrigas de rescate e os procedementos de devolución.

O Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM) presentou este xoves o seu novo relatório sobre Fronteira Sur, que leva por título ‘Sacar del Laberinto’. Esta publicación analiza o contexto migratorio na cidade de Melilla, e reflexiona sobre unha serie de prácticas e barreiras administrativas que tecen un labirinto no que as persoas migrantes se ven atrapadas, frustrando a regularización do seu proxecto migratorio.

O SJM é testemuña do sufrimento físico e psicolóxico que xeran os cercados e as outras barreiras disuasorias ás persoas migrantes. Conforme avanzan as políticas europeas para o peche e a externalización das fronteiras, é notorio o aumento das chegadas por mar en España. Esta realidade non é allea a Melilla, para onde son transferidas as persoas interceptadas nas operacións policiais en augas costeiras españolas próximas á cidade autónoma e as que están a desembarcar nas illas Chafarinas. Emerxe unha nova casuística na que as prácticas policiais dilúen os límites entre as operacións e as obrigas de rescate e os procedementos de devolución.

Ao igual que acontece nas fronteiras terrestres, a falta de transparencia e de garantías suficientes nos procedementos de devolución constitúen un primeiro labirinto na garantía dos dereitos das persoas migrantes. Unha asistencia letrada e sanitaria insuficientes, a ausencia de información clara e accesible en materia de protección internacional, ou a falta de intérpretes, entre outros elementos, imposibilitan a identificación e protección de persoas vulnerables (menores, vítimas da trata, a violencia ou a persecución).

A opacidade nos procesos de devolución dificulta a observación das devolucións en quente e a aplicación cada vez máis frecuente do Acordo Bilateral con Marrocos. O SJM insiste Na derrogación da Disposición Adicional Décima da Lei de Estranxeiría (LO 4/2000) en virtude da sentencia do TEDH condenando España pola práctica de devolucións sumarias, e na necesidade de tomar medidas eficaces para que as garantías procedimentais e os dereitos non sexan papel mollado.

Entre as situacións que afectan ás persoas solicitantes de protección internacional en Melilla, destaca que non poden acceder en igualdade de condicións aos dereitos que as amparan. Enfrontan maiores barreiras no acceso ao procedemento, non acceden aos dereitos materiais de acollida recoñecidos pola lei, e non se lles permite o traslado a outro lugar onde poder exercelos. A xurisprudencia sinalou recentemente que limitar a Liberdade de movemento das persoas solicitantes de asilo en Ceuta e Melilla a territorio peninsular supón unha vulneración dos seus dereitos fundamentais.

Por outro lado, seguen sendo motivo de preocupación as deficiencias nos procedementos de identificación de menores e as barreiras administrativas no acceso dos menores estranxeiros non acompañados aos seus dereitos. En concreto, en canto á axeitada protección e acceso a documentación, SJM identifica unha situación límite nos centros de menores tutelados e empezos administrativos no proceso de acceso á documentación dos mozos e mozas que saen da tutela administrativa ao chegaren á maioría de idade.

O SJM leva traballando en Melilla cunha oficina permanente desde xuño de 2016, nela préstase orientación xurídica ás persoas migrantes usuarias, realízanse trámites coa Administración e exércese o litixio estratéxico e a observación de DDHH. Desde entón acompañou máis de 800 persoas. Moitas delas con perfís de gran vulnerabilidade, como familias separadas, matrimonios mistos, mulleres vítimas de violencia de xénero, mozos e mozas ex-tutelados/as, menores estranxeiros non acompañados, ou solicitantes de asilo de perfil LXTBI.

DESCARGA O DOCUMENTO AQUÍ