Na fronte de Evros morren os dereitos humanos e o xornalismo libre, por Javier Bauluz

Crónica do fotoxornalista Javier Bauluz desde a fronteira entre Grecia e Turquía.   Nesta ligazón, a galería de fotos  do autor.


Acabo de saír da zona fronteiriza entre Turquía e Grecia despois de 10 días de investigación xornalística sobre o terreo. As miñas principais conclusións son que as persoas refuxiadas que tentan chegar a Europa están sendo utilizadas como “carnes de canón” e campo de batalla para a propaganda interesada, chea de farsas, dos principais actores implicados: os gobernos de Turquía e Grecia, a Unión Europea e o novo fascismo internacional.

As principais vítimas deste xogo son os dereitos humanos dos refuxiados e dos cidadáns “libres”. Grecia suspendeu o dereito fundamental de solicitar asilo , invocando a recente sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre o caso de Melilla, no que “grazas” ao recurso do ministro español Marlaska “xustifica” que os humanos non teñan dereito a pediren refuxio se non entran legalmente, cousa imposible, en territorio europeo.

A Unión Europea apoia implicitamente esta suspensión “temporal” dos dereitos humanos ao participar activamente, tamén con numerosas forzas policiais do Frontex, no peche absoluto da fronteira grega con Turquía. Os poucos que conseguiron pasar están internados nun campamento secreto, onde son maltratados, segundo a investigación do The New York Times, ou amontoados nun barco militar na illa de Lesbos, á espera da súa deportación, considerada ilegal por organizacións de dereitos humanos.

 

O uso excesivo da forza europea inclúe malleiras, roubo de obxectos persoais, móbiles e “devolucións” ilegais na fronteira do río Evros, segundo testemuñas feridas que entrevistei, e o lanzamento continuo de gases lacrimóxenos, que fotografei e filmei en dous días dentro da “Intifada” ao pé do muro de Europa, así como o uso de munición de armas letais, cuxo son sentín a poucos metros, o son de máis de 100 disparos, aparentemente, armas de guerra.

Segundo o goberno turco, houbo decenas de feridos e ata tres mortos por balas europeas, no paso fronteirizo de Pazarkule, feitos que o goberno grego nega rotundamente. Velaquí a violación dos dereitos dos cidadáns europeos, ningunha desas dúas fontes gobernamentais é crible, xa que ambas prohiben o acceso libre, a verificación e a documentación de xornalistas independentes a ambos os dous lados do Evros, o longo río fronteirizo onde se producen estes feitos e que agora foi alagado ao abrir as comportas das presas de Bulgaria.

No pase de Pazarkule, Edirne,  Turquía instalou un improvisado campo de refuxiados, en condicións moito máis miserables que o fatídico campamento de Idomeni en 2015. Miles de persoas desesperadas creron nas palabras do goberno turco ao afirmar que as “portas de Europa están abertas” e atopáronse atrapadas en terra de ninguén despois de teren atravesado a fronteira turca aberta e veren a grega completamente pechada.

Miles de persoas foron transportadas en centos de autobuses desde Istambul, en colusión coas autoridades turcas, como recurso para obter o apoio de Europa no seu enfrontamento militar contra as tropas de Assad na zona fronteiriza con Idlib, Siria, onde hai máis dun millón de refuxiados que foxen da carnicería provocada polas bombas de avións rusos e do réxime e de innumerables forzas terrestres enviadas polo goberno iraniano.

A batalla de Evros está a ser gañada militar e discursivamente polos novos fascismos que agora están a experimentar un novo pulo seguindo co seu imparable ascenso iniciado en xaneiro de 2016 coa escusa de defender Europa contra a invasión dos refuxiados “terroristas perigosos”. Estes días fun testemuña, xunto co admirado e veterano xornalista Javier Espinosa, das opinións de diversos cidadáns gregos, que, cheos de “patriotismo”, e organizados en brigadas de civís armados, se converteron en cazadores de refuxiados na fronteira, coa conivencia de alcaldes, policía e exército. E repiten as mesmas frases, ideas e discursos dos fascistas, franceses, belgas e gregos, dalgúns eurodeputados de Le Pen, que tamén puidemos escoitar na fronte do Evros durante a súa recente visita en apoio “da civilización cristiá europea” ”

Mentres tanto, amigos e xornalistas fiables dinme que, na illa de Lesbos, os grupos fascistas impoñen a súa vella lei e con absoluta impunidade permítense queimar a precaria escola de nenos refuxiados en Moria e varios centros da ONU e das ONGs, mentres atacan a xornalistas, cooperantes humanitarios e refuxiados con paus, cadeas e pedras perante a pasividade total das autoridades gregas e europeas que internan os refuxiados acabados de chegar en barcos, na adega dun barco militar sen o dereito humano a solicitar asilo.

Finalmente, quero contar unha anécdota persoal que explica a dificultade de practicar o xornalismo nestes tempos de rabia, enganos e propaganda.  Hai uns días fun detido abruptamente por cinco policías secretos turcos,  sen identificárense, mentres documentaba, ao pé do muro de Europa, a “intifada” dos refuxiados contra a policía grega. Puxéronme nunha gaiola ao aire libre, onde respiraba gases gregos, nun posto do exército turco. Despois de me pasar por varios corpos armados, pecháronme, esposado, nunha furgoneta da Xendarmería e horas despois liberáronme, sen carga nin explicación, despois de obrigarme a escoller entre ser libre a cambio de eliminar o meu traballo. A prensa está confinada a tres quilómetros do paso fronteirizo de Pazarkule.

Cando escribo este texto, na case baleira praza de Cascorro, Madrid, un equipo de televisión entrevista algunhas persoas en Madrid sobre o coronavirus que reina nos medios de comunicación e nos corazóns. Mentres tanto, o virus do novo fascismo contaxia unha Europa derrotada polo medo inducido a falsas invasións bárbaras. Le Pen xa o dixo na súa campaña electoral en 2016: “O vento da Historia
mudou”.

A liberdade de información e os dereitos humanos morren na fronte do Evros.

Javier Bauluz

 

PODES VER AQUÍ A GALERÍA DE FOTOS DE JAVIER BAULUZ DESDE GRECIA-TURQUÍA