Entreculturas lanza a campaña Escola Refuxio polo Día das Persoas Refuxiadas

Co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, Entreculturas presentou a mañá do 20 de xuño a campaña “Escola Refuxio” para reivindicar que se garanta o dereito á educación en situacións de conflito e refuxio. A metade das persoas refuxiadas en todo o mundo son menores. Nenos, nenas e mozos e mozas vítimas de conflitos internacionais e internos que non só están a aumentar, senón que tamén son cada vez máis prolongados e afectan un maior número de persoas. Desde hai 10 anos a cifra de persoas desprazadas forzosamente non parou de aumentar, ata alcanzar os actuais 70,8 millóns. 1 de cada 4 nenos sen escolarizar vive nun contexto afectado pola crise.

“Desde Entreculturas, canda as nosas organizacións socias, traballamos cada día para que as escolas se tornen un refuxio para estes nenos e nenas. Para reivindicar que as escolas sexan lugares de paz, libres de violencia; lugares de reconciliación e encontro en calquera circunstancia, xa sexa en conflitos ou en contextos de violencia, xa sexa en campos de persoas refuxiadas e desprazadas que fuxiron desta violencia, ou en calquera outra circunstancia de emerxencia humanitaria”, explicaba Raquel Martín, a nosa Directora de Comunicación e Relacións Institucionais de Entreculturas.

Malia a que as escolas protexen e, á vez, debían de estar protexidas, seguen a ser obxecto de ataques.  “Entre 2014 e 2018 rexístraronse máis de 14.000 ataques á educación en 34 países e, en cando menos 18, os ataques á educación foron dirixidos contra nenas e mulleres polo feito de o seren.  O camiño á escola supón tamén un grave perigo para as nenas e as mozas, xa que poden vérense sorprendidas, secuestradas e atacadas sexualmente.

Burundi e a República Democrática do Congo son dous dos países que sofren ataques á educación. Sanganyi Namangala Tamy, refuxiada congolesa no campo de refuxiados de Kinama Burundi e Vicepresidenta do Comité de Refuxiados explicaba a súa historia de refuxio. “O 10 de outubro de 2008 na miña casa en Rutshuru no norte do Kivu, mataron o meu marido, dous dos meus oito fillos e a min, violáronme. Fun secuestrada por rebeldes que me levaron ao bosque onde pasei un mes servindo como ama de casa, sufrín violencia sexual e física. En tempos de guerra todo é posible. O dereito dos nenos á educación está a ser vulnerado. As escolas son lugares onde hai conflitos, tomados polos atacantes como lugares de guerra, para almacenaren as súas armas ou como bases militares. Os nenos son recrutados como loitadores. Destrúen escolas para usar portas de madeira e escritorios como calefacción. Hai menos lugares para estudar durante a guerra. A xuventude é o futuro do mañá Sen unha educación, é difícil ter un futuro”, relatou.

No campo de persoas refuxiadas de Kinama, en Burundio, Sanganyi colabora co Servizo Xesuita a Refuxiados (XRS), e con Entreculturas para sensibilizar os máis novos sobre a importancia da educación, especialmente a educación das nenas. François Xavier Nsababandi, Director de Proxectos de Educación e Medios de Vida de Entreculturas e do Servizo Xesuita a Refuxiados en Burundi explicaba que “o XRS intervén en cinco escolas de campos de refuxiados. As escolas dos campos e outras escolas deben estar a salvo dos ataques. En países que viven guerras, vemos que as escolas son destruídas e que mesmo os estudantes son asasinados. É por esta razón pola que traballamos en zonas de conflito para acompañar, protexer e defender as persoas refuxiadas para garantir o seu dereito á educación. As escolas non deberan nunca ser obxecto de ataque, senón, lugares de paz, libres de violencia. A escola é un refuxio seguro para millóns de nenos refuxiados en todo o mundo”.

Irene Ortega, coordinadora de Cidadanía de Entreculturas, daba paso aos nenos e e as nenas do colexio La Paloma de Madrid que estaban presentes na rolda de prensa e que mostraron debuxos seus e dos nenos e nenas burundeses da escola primaria do campo de refuxiados de Kinama sobre como lles gustaría que fosen as escolas, unha das propostas de sensibilización de Escola Refuxio. “Se vindes os amigos seremos nós”; “Quero contarche que me gusta o meu colexio, aprendo moito e podo xogar coas miñas amigas”; “A escola para min é un lugar bonito”. Velaquí algunhas das mensaxes que se puideron ler. Os nenos e as nenas téñeno ben claro, tanto en Madrid coma en Burundi, o que é o colexio nas súas vidas. E teñen ben claro tamén que todas as persoas, en Madrid ou en Burundi, somos iguais en dereitos e en dignidade. Perciben que hai algo en común na nosa esencia, que se manifesta nunha preciosa diversidade.


CONSULTA AQUÍ A WEB DE ESCOLA REFUXIO

DESCARGA OS MATERIAIS DA CAMPAÑA AQUÍ