Entreculturas lanza a campaña Luz de las Niñas

Cada nena ten dereito a vivir libre de violencia, discriminacións, intimidacións e abusos. No entanto, hoxe en día a violencia nega este dereito a millóns de nenas de todo o mundo: continúa a ser unha das violacións máis persistentes, sistemáticas e xeneralizadas dos dereitos humanos. Por iso, co gallo do Día Internacional da Nena, que se celebrou o 11 de outubro, Entreculturas lanzou La Luz de las Niñas “para dar visibilidade á desigualdade que sofren as nenas, protexelas fronte á violencia, valorar a súa capacidade para elixir o seu futuro e incidir para transformar as causas da inxustiza cara a elas”, en palabras de Raquel Martín, Directora de Comunicación e Desenvolvemento Institucional.

240 millóns de nenas ven ameazada a súa vida pola violencia, máis de 200 millóns de nenas no mundo sufriron mutilación xenital. Cada ano 12 millóns de nenas son casadas antes de teren feito os 18. Máis de 150 millóns sofren violencia sexual. E 34,2 millóns de nenas e mulleres son refuxiadas ou desprazadas. Estas formas de violencia cara ás nenas provocan nelas graves secuelas psicolóxicas, físicas e sociais que as marcan para sempre, e afástaas da escola, da súa infancia e das súas oportunidades.

Sifa Kaite, Coordinadora de Protección á Infancia do Servizo xesuíta a Refuxiados Chad, falaba do seu traballo, vinculado coas diversas formas de violencia que enfrontan as nenas refuxiadas nos campos e que afirma seren “innumerables” destacando “a mutilación xenital feminina (MGF), o matrimonio forzado, o matrimonio precoz, as tarefas do fogar, o abandono escolar e a violencia sexual”. Todas estas prácticas daniñas supoñen unha vulneración dos dereitos humanos das nenas moi grave, truncando a súa autoestima e desenvolvemento e obstaculizando a súa continuidade educativa.

Sofía Gutiérrez, Responsable de Acción Pública de Fe e Alegría Guatemala, coñece a realidade que enfrontan as nenas no seu país, moi condicionada polas altas taxas de violencia sexual, embarazos e unións temperás, que teñen maior incidencia entre a poboación indíxena. “O traballo de La Luz de las Niñas en Guatemala concéntrase na  prevención da violencia e na creación de espazos seguros para as nenas nas escolas”.

“Queremos que brille a súa luz. As nenas teñen dereito a unha infancia en igualdade de oportunidades, libre de medos, de ameazas e agresións. A educación pode defendelas, protexer os seus dereitos, transformar as súas vidas”, subliñou Raquel Martín no acto de presentación da campaña.