Escolas que Curan Máster de Cooperación Internacional de Comillas

O pasado día 30 de xaneiro, presentouse a publicación Escolas que Curan, elaborada por Entreculturas, SJM e Hospitalidad.es, no marco do Máster de Cooperación Internacional da Universidad de Comillas, dentro da materia “Programas de Cooperación ao Desenvolvemento no ámbito educativo” que imparte Entreculturas. Este relatorio dá conta das capacidades que a educación ten para curar as feridas producidas pola guerra e a fuxida á infancia siria que procurou refuxio no Líbano.

No acto de presentación do relatorio participaron dos dos seus autores: Valeria Méndez de Vigo, responsable do Departamento de Estudios e Incidencia de Entreculturas; e Ángel Benítez-Donoso, xesuíta e responsable de educación do JRS (Servizo Xesuíta a Refuxiados) no Líbano, onde pasou dous anos a traballar no labor educativo coa infancia refuxiada siria asentada no país veciño.

Coa asistencia dos alumnos e alumnas do Máster e de público externo interesado na temática, Valeria Méndez de Vigo realizou unha introdución sobre a importancia social da educación para a infancia e, máis concretamente, para aqueles nenos e nenas que foxen da guerra e que se atopan traumatizados pola violencia vivida. Ademais debullou parte do gran traballo que se fai pola Cooperación Internacional no ámbito educativo desde Entreculturas, xunto á JRS no Líbano e outros moitos lugares de África, América e Oriente Medio.

A continuación, Ángel Benítez-Donoso sj relatou a súa experiencia en primeira persoa dos anos que pasou no Líbano a traballar por curar as feridas da infancia refuxiada siria.  Tras unha introdución ao contexto social e xeopolítico do Líbano explicou a tripla ferida que teñen os nenos sirios ao chegaren ao Líbano: a guerra (ao saíren, perdelo todo e deixalo atrás), a fuxida (saíren correndo, non poder despedirse) a espera (a chegada e o rexeitamento). Estes danos psicolóxicos reflectíanse nas actitudes dos nenos e nenas, e o labor de JRS na escola do Líbano era responder buscando unha tripla curación: curar o pasado, o presente e o futuro. E desa maneira conseguiron que esta infancia recuperase o sorriso e a confianza a través da educación, dándolles ferramentas de superación e de aprendizaxe para crecer e curar esas feridas. Os pequenos milagres das escolas que curan.