Garantías xurídicas que non fiquen en nada

A rede Migrantes con Dereitos alerta de que se están a producir devolucións inmediatas a Marrocos tralo último salto ao valo de Melilla.


Tralo último salto ao valo de Melilla de centos de inmigrantes, cunha persoa morta e un novo soño truncado que debería terse evitado, a rede Migrantes con Dereitos quere, en primeiro lugar, expresar a súa dor e impotencia por esta nova perda dunha vida humana nas nosas fronteiras. O enreixado continúa a ser signo de violación de dereitos, sinónimos de traxedia e frustración, os muros contra os que bate a incapacidade da nosa sociedade para transformar o drama das migracións nunha oportunidade para a acollida, o encontro e a hospitalidade.

En segundo lugar e diante das noticias que sinalan a devolución inmediata nas últimas horas de, cando menos, medio cento de persoas a Marrocos, as entidades da Igrexa que participamos na rede Migrantes con Dereitos -e que está presente na Diocese de Málaga a través da Delegación de Migracións en Málaga e Melilla, do Servizo Xesuíta a Migrantes, das Irmás Apostólicas-Santo Anxo e de Cáritas Málaga – insistimos en que se cumpran, tamén neste caso, as garantías de calquera procedemento de devolución:

  • A identificación de cada persoa, establecendo os mecanismos necesarios para detectar a presenza de menores entre as persoas recentemente chegadas.
  • A verificación das súas circunstancias persoais, como causas de vulnerabilidade, estado de saúde, etc.
  • A información, nun idioma que sexa entendido polas persoas recentemente chegadas, tanto sobre a posibilidade e procedemento para solicitar protección internacional, como sobre o eventual procedemento de devolución e os recursos dispoñibles contra a mesma.

Volvemos lembrar que estas garantías requiren de tempo e de recursos, pois esixen proporcionar intérpretes, asistencia letrada (con tempo suficiente para atender e entender a situación de cada unha das persoas) e vías efectivas de recurso contra a decisión de as devolver.

Alertamos, ademais, de que a devolución destas persoas a Marrocos coa urxencia que parece confirmarse violaría o artigo 3 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos, tal e como se sinalou por parte do Comisario de Dereitos Humanos ao Comité de Prevención da Tortura.

A rapidez non é sempre síntoma de eficacia cando o que está en xogo son as vidas e o futuro de persoas que traen consigo, na maioría dos casos, a traumática experiencia dun longo tránsito migratorio. As garantías xurídicas son tamén unha esixencia dunha sociedade democrática e inclusiva ás que non podemos renunciar e que urxe reforzar especialmente nun momento onde se escoitan voces que pretenden situar os seres humanos máis vulnerables fóra da legalidade.

 

CONSULTA AQUÍ A NOTA COMPLETA