#IGetYou: 315 iniciativas en nove países para dar visibilidade ás iniciativas cidadás de solidariedade e inclusión ás persoas refuxiadas.

  • A campaña #IGetYou del JRS Europe (Servizo Xesuíta a Refuxiados – Europa) pretende rachar cos estereotipos e combater o racismo nas sociedades europeas.
  • En España foron mapeadas 31 iniciativas e o proxecto seleccionado foi Gauen en Bilbao, onde acolleron mozos marroquís en situación de rúa.

O JRS Europa recolleu información de ata 315 iniciativas de acollemento a refuxiados en nove países europeos durante o último ano, entre os que está España, onde o Servizo Xesuíta a Migrantes (SXM-E), xunto á Campaña Hospitalidad.es das obras sociais xesuítas en España, coordinaron a selección e recolla de información das 31 iniciativas de solidariedade no noso país que fan parte do relatorio.

IGetYou

En España, o proxecto seleccionado foi o de Gauean. No barrio bilbaíno de Uretamendi, un grupo de traballadores locais e voluntarios acolleu un grupo de mozos marroquís que tiñan perdido a tutela da Administración e estaban na rúa.  A través da acollida residencial, comidas, cursos de formación e actividades de lecer, estes rapaces pasan tempo coa xente local, constrúen lazos sociais en Bilbao e atopan recursos para o futuro.

“Fuxir da guerra e da desigualdade implica vulnerabilidade e revela inxustizas. Pero á vez, as migracións permiten enxergar unha nova sociedade, na que se superan fronteiras, recoñecendo e superando diferenzas, como unha cidadanía universal.  Agardamos que estes vídeos inspiren a outros para se uniren a iniciativas, para construíren comunidades de diversidade e acollemento”, sinala  Miguel González Martín, coordinador de SJM España.

Estes vídeos amosan diferentes actividades de inclusión e acollida noutros oito países europeos, ademais de España.

  • Bélxica: Flavia, refuxiada de África, é acollida por Brigitte, unha cidadá local.
  • Croacia: Proxecto de cociña ‘Taste of Home’ en Zagreb.
  • Francia: Unha familia cristiá iraquí atopa refuxio no pobo de Taizé.
  • Malta: Mohammed de Sudán crea unha asociación e traballa como pintor de coches.
  • Italia: ‘Luz e Norte é un grupo musical formado por locais e refuxiados.
  • Alemaña: Cidadáns de Plauen chaman á integración contra o illamento.
  • Portugal: Saddam, un neno sirio, recibe aulas de surf en Nazaré.
  • Romanía: Alí, un cantante de rap sirio, participa no festival cultural de Timisoara.

Estas iniciativas constitúen exemplos do tipo de sociedade europea que queremos promover desde as entidades implicadas para que as persoas que chegan e as que acollen medren en entendemento mutuo e relacións de amizade e solidariedade.