Relatorio CIE 2018 do SXM: “Discriminación de Orixe”

O SXM sinala no seu novo relatorio a discriminación de orixe sufrida polas persoas internadas nos CIE durante 2018

  • Marrocos e Alxeria acaparan dous terzos das nacionalidades de persoas internadas en 2018. Unha discriminación de orixe desde a chegada ata o internamento porque a súa repatriación é máis factible.
  • Aumenta alarmantemente o número de menores nos CIE: en 2018 recoñecéronse 89, polos 49 do ano 2017.
  • Os CIE seguen a ser espazos de sufrimento, onde se acentúan as situacións de desprotección e se vulneran dereitos básicos (interpretación de idioma, asistencia legal e sanitaria, acceso a solicitude de asilo, tratos degradantes e vexatorios…).

O Servizo Xesuíta a Migrantes (SXM) presentou o seu Relatorio Anual 2018 sobre Centros de Internamentos de Estranxeiros (CIE) nun acto celebrado na sede do Valedor do Pobo de Madrid.   O relatorio leva por título “Discriminación de Orixe”, facendo referencia ao trato diferencial prestado a persoas de orixe magrebí, que na súa chegada ao país pasan a comisaría policial para acabar no CIE. Máis de dous terzos (un 68%)  do total das persoas internadas en 2018 eran dunha destas dúas nacionalidades: marroquí ou alxerina.  Polo contrario, desde o mes de agosto, obsérvase que as persoas de orixe subsahariana ou asiática non foron internadas en CIEs, xa que na súa chegada pasan aos Centros de Acollida Temporal de Estranxeiros (CATE) e de aí a recursos de acollida humanitaria perante a imposibilidade de efectuar o seu retorno ao país de orixe. Xa nesta fase de detención inicial de 72 horas obsérvanse indicios de trato discriminatorio cara ás persoas de orixe magrebí.

En 2018 foron internadas un total de 7.855 persoas, o que supón un descenso do 11% con respecto ao ano anterior. Delas, o 98% eran homes. Máis do 78% foron internadas pola apertura dun expediente de devolución por entrada ilegal no país. No entanto, das 179 mulleres internadas, a porcentaxe por este motivo redúcese ao 40%.

Un total de 89 menores de idade foron internados en CIE en 2018, segundo recoñeceu o Ministerio do Interior. A cifra é notablemente superior á de 2017, cando foron 48 os menores internos. Ademais, aumentou o número de solicitudes de protección internacional desde os CIE en 2018 ata un total de 1.776, das cales o 30,6% veu ser admitida a trámite. A duración da estadía nos oito CIE do territorio reduciuse lixeiramente ata unha media de 26,08 días.

A cifra total de repatriacións forzosas (suma de expulsións e devolucións) aumentou nun 22%, ata 11.384, isto é, foron repatriadas máis de 31 persoas ao día durante 2018. É considerable o aumento de execucións de procesos de devolución (un 33% máis que en 2017). Ademais, a porcentaxe de expulsión e devolución desde os CIE aumentou ata o 58%

O persoal das entidades da rede SXM visitou durante 2018 un total de 807 persoas en cinco centros: Aluche (Madrid), Zona Franca (Barcelona), Zapadores (Valencia), Isla de las Palomas (Tarifa) e La Piñera (Alxeciras). Nestas visitas seguen a darse situacións de vulnerabilidade e posibles vulneracións de dereitos: deficiencias estruturais na maioría de centros; falta de detección de menores de idade e de atención a persoas con enfermidades de carácter físico e mental; carencias na asistencia legal e de interpretación de idioma; limitacións no uso de comunicacións; tratos degradantes e vexatorios; e dificultades e trabas no acceso ás solicitudes de asilo. O traballo das ONG que visitan os CIE, xunto á observación crítica dos xulgados de control e do Valedor do Pobo sinalan a denuncia pola mellora das condicións de vida e das garantías de dereitos nos centros.

O SXM continúa a identificar serias deficiencias na xestión de situacións de crise dentro dalgúns CIE, ben como graves episodios de violencia. Fronte a isto, o diálogo que se articula en torno ao traballo de denuncia e defensa desde as entidades que visitan os centros de internamento, xunto a institucións como o Valedor do Pobo, os xuíces de control e outras instancias da administración, segue a ser clave para defender os dereitos das persoas migrantes.

En definitiva, consolídase o uso abusivo do internamento, como ferramenta na loita contra a inmigración irregular na fronteira sur, no entanto segue sen ter un efecto disuasorio, xerando en calquera caso moito sufrimento. Esta labor de denuncia diríxese a unha reivindicación fundamental: o fin do internamento e a privación de liberdade, o peche dos CIE e a necesidade de explorar alternativas máis humanas que faciliten procesos de integración social.

 

DESCARGA AQUÍ O RELATORIO CIE 2018 SXM