Relatorio do JRS LAC sobre o contexto migratorio en México

O Servizo Xesuíta a Refuxiados de Latinoamérica e o Caribe (JRS LAC) publicou un relatorio sobre o contexto de mobilidade humana en México fronte aos éxodos centroamericanos.

Os países do norte de Centroamérica sofren unha crise histórica, profunda e complexa. A violencia aumenta no Salvador, Honduras e Guatemala por mor do enfrontamento constante entre bandas, grupos delituosos organizados, cárteis de narcotráfico e mafias internacionais.  O crime organizado abriuse paso como corolario da falla de institucionalidade dos Estados da rexión, onde impera a impunidade, a corrupción e onde as institucións democráticas seguen a ser fráxiles. Esta violencia dá paso a homicidios, desaparicións, recrutamento de nenos, nenas e adolescentes, violencia sexual e desprazamento forzado. Todo o anterior impulsou un movemento de persoas que o que buscan é deixaren atrás a violencia estrutural vivida en Centroamérica, e a chamada “Caravana de Migrantes”, que partiu desde Honduras en outubro de 2018, e á que posteriormente se uniron persoas de Guatemala e O Salvador, é mostra diso.

Pola súa banda, e tal e como prometeu en campaña, Donald Trump puxo en marcha unha política migratoria severa contra as persoas migrantes e con necesidades de protección internacional, baseada na persecución, control e reforzo fronteirizo. O presidente dos Estados Unidos endureceu o sistema migratorio e de refuxio, aumentou as deportacións masivas e xerou unha gran presión económica a México e os países do norte de Centroamérica para evitar que as persoas cheguen aos Estados Unidos. Estas políticas puxeron a atención internacional nas dinámicas migratorias de Centroamérica, México e os Estados Unidos, unha vez que teñen como consecuencia a prolongación do conflito na rexión. Entre tanto, os actores do crime transnacional, crean todo un negocio ben lucrativo a partir da necesidade de migrar, expondo os migrantes a situacións de maior vulnerabilidade.

CONSULTA O RELATORIO NESTA LIGAZÓN