Relatorio ‘Nuevos rostros, mismas dinámicas’ sobre migracións en México

Co gallo do Día Internacional das Persoas Migrantes, Entreculturas puxo o foco nas migracións Centroamericanas, e máis concretamente en México, ao presentar o relatorio “Nuevos rostros, mismas dinámicas. Procesos migratorios en México” cos datos recollidos pola Rede de Documentación das Organizacións Defensoras de Migrantes (REDODEM). Unha rede integrada por 23 albergues, casas, estancias, comedores e organizacións distribuídas en 13 estados da República Mexicana. Na rolda de prensa de presentación participou o Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM) establecendo os paralelismos que existen entre os fluxos migratorios de México e os da fronteira sur española, onde traballa acompañando na cidade de Melilla as persoas migrantes. E Juanita Bagés, profesora de Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid, achegou o traballo realizado co alumnado para sensibilizar sobre a realidade das migracións coa exposición “Miradas que Migran”.


Elisabeth Figueroa Ruiz, Secretaría Técnica da REDODEM, presentou as principais cifras que se desprenden do relatorio que pretende dar visibilidade a persoas e fluxos de mobilidade que converxen nos espazos que conforman a Rede.

A REDODEM rexistrou máis de 36.000 persoas, a maioría, homes, e que se rexistran no sur do país. O grupo de idade maioritario son persoas en idade de traballar, o que mostra a inviabilidade de manter unha actividade económica nos seus países de orixe, condenados ao exilio. Elisabeth tamén ofreceu datos dos perfís máis vulnerables como son as mulleres embarazadas e os 3.881 nenos, nenas e adolescentes que a REDODEM rexistrou e que representa un 10,7% do total de rexistros, destacando que o 57,7% dos menores viaxaban sós. Tamén se resaltou que as nenas e adolescentes mulleres son moito máis vulnerables ao longo da viaxes cós varóns.

Elisabeth explicou que, ademais do acompañamento, o obxectivo de REDODEM é rexistrar e documentar a situación das persoas que se encontran en mobilidade, así como os delitos e vulneración de dereitos humanos que son cometidos na súa contra, coa finalidade de fundamentar accións de incidencia para mudar as políticas e que teñan un enfoque de dereitos humanos.

A difícil situación das persoas migrantes vén agudizada pola política migratoria imposta en México durante o sexenio Peña Nieto, que amosou unha falta de interese institucional por responder ás necesidades das persoas en situación de mobilidade desde un enfoque de dereitos humanos. Malia a que México impulsou o Pacto Mundial sobre Migracións a nivel internacional, a súa política nacional segue a estar dominada por un enfoque de seguridade e unha perigosa narrativa de criminalización das persoas migrantes.

A Irmá Magdalena Silva Rentería, Coordinadora da REDODEM e fundadora e actual Directora da Casa de Acollida, Formación e Apoderamento da Muller Migrante e Refuxiada (CAFEMIN) destacou na súa intervención o papel e impacto dos medios de comunicación en campañas xenófobas de criminalización a migrantes, defensores dos Dereitos Humanos, e as propias casas de acollida “No que vai de 2019 hai 9 casos documentados de intervencións da Guarda Nacional nestas casas, dándose unha sistemática violación dos Dereitos Humanos das persoas migrantes”.

A Irmá Magdalena destacou tamén a situación da fronteira sur de “amoreamento masivo en situacións infrahumanas onde o goberno trata de deter o fluxo migratorio” e na fronteira norte con EE.UU onde “se vive a mesma situación de amoreamento e na que tras varias citas infrutuosas para solicitar a condición de refuxiados son deportados aos seus países de orixe”

A realidade do fluxo migratorio en México é complexa e é moi complicado coñecer ao fondo os motivos da saída. Existen múltiples causas: económicas, pero tamén que teñen que ver coa precarización da vida, deficiencia institucional, mudanza climática e violencia xeneralizada. A migración converteuse na única opción para preservar a vida.

Perante esta situación é imprescindible recoñecer a existencia de persoas cun perfil de protección internacional, que soportan outro tipo de vulnerabilidades, que se suman aos que xa de por si teñen por estaren en situación de mobilidade. Das 36.190 persoas rexistradas pola REDODEM en 2018, ao menos 4.244 persoas amosaban un perfil que podería corresponder ao ou á dun refuxiado/a. Son as persoas que manifestaban claramente ter abandonado os seus países de orixe por razón da violencia.

Fronteira Sur de España

A necesidade de fuxir, os perigos e a vulneración de dereitos humanos que sofren as persoas migrantes, a vulnerabilidade de determinados perfís e as dificultades de acceso ao procedemento de protección internacional tamén se repite no fluxo migratorio que chega á Fronteira Sur de España onde o Servizo Xesuíta a Migrantes traballa co obxectivo de acompañar, servir e defender as persoas migrantes e refuxiadas que se atopan en tránsito na cidade de Melilla.

María Vieyra, avogada do Servizo Xesuíta de Migrantes deu fe destas semellanzas e dos distintos perfís que atende o SXM como mulleres potenciais vítimas de trata de persoas para explotación sexual, nenas que se atopaban baixo a tutela da Administración Pública, menores non acompañados solicitantes de protección internacional, persoas que foron trasladadas por Salvamento Marítimo despois de que a embarcación pneumática en que atravesaban o mediterráneo tivese arribado ás illas Chafarinas, solicitantes de protección internacional que franquearon a cerca  situado no perímetro fronteirizo para acceder ao territorio español, ou familias recentemente chegadas cuxos menores foran separados dos proxenitores.

María falou das distintas preocupacións en materia de migración como as dificultades de acceso ao territorio español polos postos habilitados legalmente, as devolucións sumarias desde Melilla a Marrocos de persoas que se atopan en territorio español, a limitación imposta sobre o dereito a circular libremente por España aos solicitantes de protección internacional que se atopan en Melilla e a ausencia de políticas públicas que axuden a mellorar a protección da vida, o dó fronte á morte e o coidado das persoas que se atopan no nimbo.

Na súa intervención frisou: “se as políticas migratorias se basean en externalizar o control de fronteiras e se pomos o foco na contención dos fluxos migratorios, isto ha ter como consecuencia o incremento da perigosidade nas rutas, co aumento da violencia e do risco para a vida destas persoas e situacións nas non se garanten os seus dereitos humanos”

Sociedades de acollida

Malia a dureza das situacións, comprobamos, preocupados, como aumentan os discursos de odio contra as persoas migrantes e refuxiadas. Cunha aposta decidida pola Educación para a Cidadanía Global, Entreculturas pon en marcha Miradas que Migran, un programa que pretende contribuír a mudar a forma como vemos as migracións. Neste marco, está a desenvolverse un proxecto de aprendizaxe e servizo en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. Como nos explicou Juanita Bagés, Vicedecana de Mobilidade e saídas profesionais e coordinadora docente do proxecto Miradas Que Migran da Universidade Complutense de Madrid, o obxectivo do proxecto é reflexionar co alumnado sobre a situación de mobilidade forzosa no mundo, promovendo que os e as mozas se tornen axentes promotores dunha cultura de acollida nas súas contornas. Na súa cuarta edición, máis de 600 alumnas/os contribuíron xa a xerar unha cultura de acollida e converteranse en axentes de mudanza na súa comunidade universitaria a través das súas creacións sobre migracións forzosas.

Entreculturas quere contribuír desde a sensibilización, a incidencia política e a educación a construír sociedades interculturais baseadas nos dereitos humanos nas que as migracións sexan vistas como unha oportunidade e non como unha ameaza.