IV Aniversario das mortes do Tarajal

Este vindeiro martes 6 de febreiro fanse 4 anos da morte de 15 persoas que tentaban alcanzar a nado a costa española na praia do Tarajal, Ceuta.

Coma tódolos anos desde aquela, o mesmo día 6 véñense celebrando actos en lembranza das vítimas daquela traxedia e de apoio aos seus familiares ao mesmo tempo que se reclama xustiza, verdade e reparación a través de actos de rúa e peticións formais ás institucións. Este ano, os actos do día 6 poñen o foco na petición formal ao Parlamento Europeo de declarar o día 6 de febreiro como Día Europeo polas Vítimas das Fronteiras. A través deste manifesto, ao cal se adheriu a campaña Hospitalidad.es, así como outras obras sociais da Compañía, preténdese xuntar forzas entre organizacións humanitarias para render homenaxe, tamén desde as institucións europeas, cada ano a aquelas persoas que perden a vida tratando de buscar un futuro mellor nas fronteiras europeas.

Os actos deste ano celebraranse o mesmo martes 6 de febreiro en Madrid, coa entrega da petición formal na sede do Parlamento Europeo (11.30 horas) e cun Memorial das Vítimas, na Cuesta Moyano da capital, ás 20 horas. Queda pendente de data a celebración dun encontro con testemuñas de familiares das vítimas e de superviventes das fronteiras.