Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado 2019: Non se trata só de Migrante

Este próximo domingo 29 de setembro celebramos de novo a Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado 2019. O lema para esta ocasión é “non se trata só de migrantes“, anunciado polo Papa Francisco na súa mensaxe do pasado mes de maio. Esta xornada, que desta vez se celebra en setembro, é sempre unha ocasión para expresar a nosa preocupación polos diferentes grupos de persoas vulnerables en movemento; para pregar polos desafíos aos que se enfrontan e para sensibilizar sobre as oportunidades que ofrecen as migracións.

Como lembrou José Luis Pinilla, SJ, secretario da Comisión Episcopal de Migracións, esta xornada pretende sensibilizar sobre a acollida aos migrantes e refuxiados que “non son un perigo, senón unha axuda que nos enriquece. É necesario erradicar e previr situacións de vulnerabilidade e a desatención dos dereitos humanos”.

Seis mensaxes chave acompañan o lema desta xornada: non se trata só de migrantes senón tamén dos nosos medos, da caridade, de tódalas persoas, da nosa humanidade, da non exclusión e da cidade de Deus, onde os últimos serán os primeiros.

Numerosas organizacións e entidades relixiosas, así como alianzas e grupos das mesmas, incluída a nosa campaña Hospitalidad, sumámonos ao chamado do Vaticano á celebración e reivindicación desta xornada. A Sección de Migrantes e Refuxiados do Vaticano lanzou unha serie de materiais visuais e textuais para apoiar esta xornada. En España, a Comisión Episcopal de Migracións da Conferencia Episcopal, lanzou unha páxina especial con todos os elementos desta xornada. E a Rede Migrantes con Dereitos, que engloba esta organización xunto a Cáritas, CONFER e Xustiza e Paz, propuxo unha serie de actividades de sensibilización por todo o territorio na semana en torno á xornada do 29 de setembro.

Consulta aquí as propostas de sensibilización para a JMMR 2019