Xornadas Besozabalik, experiencias de acollida cos brazos abertos

Durante os días 23, 24 e 25 de outubro compartimos en Arrupe Etxea as xornadas BESOZABALIK, Brazos Abertos, organizadas pola Fundación Ellacuría, Loiolaetxea e ALBOAN para dar a coñecer experiencias de acollemento a persoas migrantes e refuxiadas. Cada tarde xuntámonos máis de 60 persoas para compartir reflexións e vivencias.

O primeiro día Pepa Torres compartíanos a súa experiencia no barrio de Lavapiés en Madrid e como a comunidade se convertía nesa rede “de circo”, que fai de soporte para as persoas que teñen que facer “equilibrios sobre a corda da vida”. A Pepa seguiulle o programa piloto de Patrocinio Comunitario que desde hai varios meses están a desenvolver no País Vasco a Compañía de Xesús canda os gobernos vasco e español, ACNUR e Cáritas de Euskadi. Unha iniciativa inspirada no modelo canadense, e que consiste en que cada actor, desde a súa responsabilidade, pon o seus recursos ao servizo de familias refuxiadas. Estas dúas experiencias están ABRINDO VENTÁS NOS MUROS.

José Ignacio García sx axudounos a ampliar a nosa ollada ata o nivel europeo, e a dármonos conta de como, malia a nosa tradición histórica de sermos terra de emigrantes e inmigrantes, as políticas de asilo e migración actuais poñen cada vez máis trabas á acollida de persoas migrantes e refuxiadas. Lamentablemente, non temos indicios que nos fagan pensar que esta tendencia vaia mudar, se non hai un movemento social forte que poida oporse a ela. Apuntando nesta liña compartíannos a súa experiencia Catherine, de Ongi Etorri Errefuxiatuak Bilbao e Ion, de Irungo Harrera Sarea (Red de Acogida de Irún). Desde ambas as redes organízanse localmente para dar resposta ás necesidades das persoas migrantes que están a chegar aos seus respectivos municipios, e que van, desde a procura dun lugar para pasar algunhas noites ata a realización de actividades de lecer compartidas… a cuestión é deixarse afectar pola situación da persoa coa que te atopas, para poder responder positivamente á pregunta coa que abríamos a tarde: EUROPA, TERRA DE ACOLLIDA?

O venres pola tarde contamos co arcebispo emérito de Tánxer, Monseñor Santiago Agrelo, que nos compartiu recordos e encontros da súa etapa en Marrocos, gañándonos “corazón a corazón”, como o mesmo dicía que era a súa aspiración. E rematamos a semana entrando ATA A COCIÑA nas casas de Bego, Enrique e Félix, que nos explicaron o fácil que é compartir o propio fogar con persoas doutros países, cando vives A HOSPITALIDADE SEN MEDO.

Unhas xornadas cheas de Hospitalidade que nos falan de vivencias concretas e próximas que son esperanza e guía para todas as persoas que queremos formar parte dunha sociedade de Solidariedade Hospitalidade.