Libros e mensaxes van na busca dos nenos e nenas refuxiados sirios no Líbano

En calquera recuncho do mundo, cando un neno ou nena le un libro está a gozar dun momento de paz, xogo e aprendizaxe. Nos lugares onde a infancia vive en situacións de especial vulnerabilidade estes momentos teñen maior transcendencia porque lles permite abstraérense da realidade que os rodea e gozaren da lectura. Velaí o caso dos nenos e nenas refuxiados sirios no Líbano que asisten ás escolas do Servizo Xesuíta a Refuxiados (JRS) que desde Entreculturas apoian.

Estes alumnos e alumnas gozaron dun momento de paz, xogo e conexión con outros nenos e nenas en España a través de “Apadriña un libro”, unha iniciativa que lanzamos o pasado mes de decembro xunto coa Libraría La Fabulosa e en colaboración coa Asociación Álbum de Editoriais Independentes Españolas. Grazas a esta iniciativa, 71 contos ilustrados (sen palabras) foron apadriñados e enviados ao seu destino, Líbano, incluíndo mensaxes para os nenos e nenas refuxiados, aos que puideron responder.

A iniciativa tivo dous momentos clave coa realización de dous obradoiros de contacontos: un realizado en decembro na Libraría La Fabulosa en Madrid; e outro en xaneiro, á chegada dos libros apadriñados, no colexio Frans Van der Lugt (FVDL) en Bourj Hammoud (Líbano).

O obradoiro no Líbano, ao que asistiron 21 estudante de 7 a 8 anos, foi dinamizado pola súa titora, Noor, e o obxectivo do JRS para os próximos meses é que os libros sen palabras se sigan a empregar en obradoiros-contacontos tanto no colexio FVLD como no centro Nucolas Kuiters en Jbeil, os centros Telyani, Meksi e Nahrya en Bar Elias, e os centros Nour I, Nour II e Dar Al Hanan en Baalbek.

En palabras de Miguel Santiuste, responsable dos proxectos de Entreculturas no país, que puido participar en ambos obradoiros, “os nosos esforzos céntranse en xerar espazos de protección, aprendizaxe e recuperación para a poboación refuxiada máis vulnerable. Con JRS, proporcionamos educación de calidade baseada en valores, e tamén apoio con bens de primeira necesidade, como roupa, comida ou transporte. É moi importante que se sintan acompañados e protexidos, é fundamental que manteñan a dignidade e a esperanza.”

Ademais dos libros, o alumnado participante no obradoiro tamén recibiu as mensaxes cheas de saúdos, curiosidade e esperanza enviados polos nenos e nenas desde Madrid, aos que puideron responder. A maxia da lectura permitiu achegar e conectar lugares e historias aparentemente distantes: porque os libros son conexión, paz e refuxio en calquera recuncho do mundo.

300.000 nenos e nenas refuxiados sen escolarizar
Desde o inicio da guerra en 2011, aproximadamente un millón e medio de persoas sirias encontraron refuxio no Líbano, un pequeno país do tamaño de Asturias. A metade destas persoas refuxiadas son menores. O Líbano fixo un gran esforzo por asegurar a educación dos nenos e nenas refuxiados, habilitando unha quenda de tarde específica para eles, pero segue a haber cerca de 300.000 menores sen escolarizar.