Mulleres en Marcha. Voces de sufrimento e dignidade

Durante os días 18 e 19 de outubro a organización ALBOAN celebrou na Universidade de Deusto o Congreso internacional “Mulleres en marcha: violencias e desprazamento en 5 rexións africanas”.  Máis de 200 persoas asistiron a un evento, onde se daba visibilidade á situación e ás demandas das mulleres e nenas africanas que sufriron violencia en situación de refuxio e desprazamento.

Así mesmo, debateuse sobre as medidas necesarias para facer fronte a esa realidade coa participación de recoñecidas activistas dos Dereitos Humanos e dos dereitos das mulleres como a activista Victoria Nyanjura, Justine Masika, directora da organización congoleña Synergie des Femmes, e Caddy Adzuba, xornalista e avogada, así como representantes do mundo da Universidade, institucións públicas, e organizacións locais e internacionais de axuda humanitaria.

Trala inauguración por parte do reitor Jose María Guibert SJ, Mª Mar Magallón e Mateo Aguirre SJ, directora e director adxunto de ALBOAN, respectivamente, os testemuños de mulleres vítimas da violencia resoaban no auditorio da Universidade. Eran voces de sufrimento, pero, ao mesmo tempo, voces de enorme dignidade e determinación.

O Congreso –organizado por ALBOAN e a Universidade de Deusto coa colaboración do Servizo Xesuíta a Refuxiados e as irmás Vedrunas- enmárcase dentro do programa Mieza que ALBOAN desenvolve e que foi posible grazas a un legado privado. Como primeira fase do devandito programa, ao longo do último ano elaborouse un diagnóstico que recolle testemuños de 152 mulleres de 15 nacionalidades diferentes en 8 países diferentes: Marrocos, Camerún, República Democrática do Congo, Angola, Suráfrica, Sudán do Sur, Etiopía e Quenia. Das sesións do Congreso despréndese que o trinomio necesario para as mulleres vítimas de violencia é “acompañamento, xustiza e reparación”. Nese sentido, identificáronse as liñas de acción que van marcar a folla de ruta nos próximos cinco anos no traballo con estas mulleres e nenas en África.