Nova comunidade da Rede de Hospitalidad de Barcelona

Hai uns días que se puxo en marcha no Casal Arrupe, en Sant Cugat del Vallès, unha nova comunidade na rede de hospitalidade de Migra Studium. É un espazo que a Compañía de Xesús cedeu temporalmente a Migra Studium e que conta co apoio do Casal Loiola. Acollerá os migrantes que se atopan actualmente en situación de vulnerabilidade e estarán acompañados por voluntarios e membros da Fundación Migra Studium.

Esta nova iniciativa xorde da crecente demanda e das novas necesidades das persoas migrantes, agravadas pola crise de Covid-19. De feito, estes días, Migra Studium puido comprobar como as persoas que xa vivían en situación de vulnerabilidade sufriron un confinamento extremo, arrastradas a situacións de falta dun fogar seguro e de recursos económicos para cubriren as necesidades máis básicas.

A comunidade púxose en marcha con dous mozos e espérase que acolla ata 10 persoas. O xesuíta Pau Vidal é unha das persoas que convivirá con eles durante estes días.

Migra Studium conta desde hai meses cunha  rede de hospitalidade, con diversas familias e comunidades relixiosas que acollen, na casa, persoas migrantes ou refuxiadas. Durante o encerro debido á crise de Covid-19, a rede mantívose activa e, de feito, moitas familias estenderon o seu compromiso e a duración da acollida. Pero hai tamén algunhas familias afectadas dalgún xeito pola crise Covid-19 e que, polo momento, non poden facerse cargo dunha acollida, afirma Pilar Pavia, coordinadora da rede de hospitalidade. “Neste tempo de confinamento e medidas sanitarias excepcionais, faise máis difícil atopar familias suficientes para a acollida e o acompañamento”.

É por iso que a nova comunidade de hospitalidade de Sant Cugat vén responder ás necesidades máis urxentes porque “hai xente na rúa que nunca estivera nesta situación”, afirma Pilar Pavia. É un recurso que, en principio, se propón paliar esta situación nos próximos meses, pero, dada a incerteza do momento no que vivimos, non se fixou un prazo para o seu tempo de funcionamento.

As persoas acollidas terán un apoio constante dos voluntarios e algúns deles tamén realizarán actividades de formación en liña. O delegado dos xesuítas en Cataluña, Llorenç Puig, subliña que “se trata dun proxecto comunitario de hospitalidade, acompañamento e atención ás persoas vulnerables que teñen máis dificultades para obter unha atención adecuada das institucións” e especialmente insiste en que “como é a nosa forma de facer, non se trata dun recurso masivo ou anónimo, senón de acompañamento e vinculación comunitaria”.

Ademais da posta en marcha desta nova comunidade, Migra Studium prioriza estes días a acollida presencial, que se fai ofrecendo orientación individual social e xurídica na Igrexa da Nosa Señora da Vitoria, no barrio gótico de Barcelona, que se atopa no mesmo edificio onde ten a súa sede a Fundación Migra Studium e onde se creou un espazo que permita o cumprimento de todas as normas de seguridade establecidas.