Pamplona celebra e reivindica a Hospitalidade un ano máis.

Centos de persoas sumáronse á xornada de Hospitalidade que tivo lugar o 13 de outubro en Pamplona para solidarizarse coas persoas migrantes e refuxiadas da man de ALBOAN, o colexio San Ignacio, e o Centro Loyola de Pamplona.

A xornada comezou cunha eucaristía na igrexa da Inmaculada. Posteriormente as persoas asistentes puideron degustar uns “petiscos solidarios” preparados por alumnas e alumnos do centro, quen tamén expuxeron e puxeron á venda xabóns, bixutería e imáns decorativos elaborados por eles e elas. O fotoxornalista Iván Benítez tamén participou na xornada na que realizou unha presentación da exposición “Standby, máis alá das fronteiras” na que retrata a realidade da poboación refuxiada en diferentes contextos como é o caso do Líbano, Grecia e México.

Ao redor das 13 horas máis de 800 persoas de todas as idades realizaron unha marcha polo centro da cidade con saída e chegada no Colexio San Ignacio.

Á súa volta deuse paso ao xantar popular tralo saúdo de Javier Andueza, coordinador de ALBOAN en Navarra, Carlos Moraza, director do colexio, e Ignacio Aranzadi, responsable do Centro Loyola de Pamplona. Máis de 400 comensais degustaron un menú en base a ensaladilla e paella, e desfrutaron dunha sobremesa amenizada polo grupo “Los Habituales”.

En definitiva, unha gran xornada de celebración e reivindicación, que se enmarca na campaña Hospitalidad promovida polas organizacións do Sector Social da Compañía de Xesús.

O diñeiro recadado destinarase a apoiar a Rede Xesuíta con Migrantes de Centroamérica, e máis concretamente a atención das necesidades básicas de hospedaxe transitoria, alimentación, atención médica de urxencia, localización de vivenda e primeiros auxilios psicolóxicos.