Pamplona, anfitrión de luxo das persoas migrantes

O domingo 7 de outubro a capital navarra amosou por terceiro ano consecutivo o seu lado máis solidario coas persoas migrantes e refuxiadas nunha xornada entrañable e chea de bo humor,  organizada pola ONGD ALBOAN, o Colexio San Ignacio e o Centro Loiola, e coa colaboración do Concello de Pamplona-Iruñea. A Rede Xesuíta con Migrantes de Centroamérica e México será a destinataria dos fondos recadados nun evento que se enmarca na campaña Hospitalidad (www.hospitalidad.es) promovida pola Compañía de Xesús.


Trala eucaristía na Igrexa da Inmaculada, o Colexio San Ignacio acolleu actividades deportivas, xogos, obradoiros infantís, e o xa tradicional “bocata solidario” nun ambiente ben animado. Ás 12:30 unha marcha de varios centos de persoas percorreu o centro da cidade ata a antiga estación de Autobuses. Alumnado, pais e nais, profesorado e xente allea ao centro educativo quixeron amosar así proximidade a quen ten que abandonar o seu fogar na busca dunha vida digna.

Unha vez xa na antiga estación de autobuses Carlos Moraza SJ, director do Colexio San Ignacio, Ignacio Aranzadi, como responsable do Centro Loiola de Pamplona, e Javier Andueza, coordinador de ALBOAN en Navarra, saudaron e agradeceron a participación. Andueza sinalou que con esa xornada preténdese  “dar resposta a unha realidade de dor que nos interpela. Queremos reter esa realidade e implicarnos, non só no labor de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria que realizamos no terreo senón no cambio de percepcións sobre o refuxio e a migración, e a implicación da cidadanía para atender esta situación en chave de xustiza”.

Javier Andueza engadiu que este ano o apoio céntrase en Centroamérica xa que “ao redor de 400 mil persoas procedentes de Centroamérica se desprazan anualmente en dirección a México, Estados Unidos e Canadá, por mor da pobreza, a exclusión, a falta de oportunidades laborais e os desastres naturais debido á vulnerabilidade ambiental.”

A continuación serviuse unha comida popular para 400 persoas á que seguiu unha verbena co grupo musical Los Habituales, que puxeron o ramo á xornada.