Lembramos as vítimas das fronteiras

 

Cando se cumpren 4 anos da traxedia do Tarajal, cunha serie de actos e peticións lembramos aquelas persoas migrantes que perden a vida nas fronteiras

O pasado 6 de febreiro celebrouse o  IV Aniversario da morte de 15 persoas na praia do Tarajal, Ceuta, cando tentaban alcanzar a nado as costas españolas, en circunstancias aínda por esclarecer. En medio de acusacións á Garda Civil de teren disparado elementos de disuasión contra as persoas que nadaban na auga, recentemente foi arquivada por segunda vez a causa contra os axentes, malia a que fora recorrida novamente polas ONG.

Para lembrar as vítimas neste aniversario celebráronse unha serie de actos o mesmo día 6 en Madrid, organizados por diversas entidades e colectivos. Ás 11.30h da mañá presentouse na sede do Parlamento e Comisión Europeas en Madrid a petición formal para reclamar que o día 6 de febreiro sexa nomeado o Día Europeo polas Vítimas das Fronteiras. Máis de 127 organizacións de diversos países, entre elas a campaña Hospitalidad.es, sumámonos á petición para pedir un día no que se lembre de forma oficial as vítimas.

Máis tarde, cara as 20.00h, celebramos un Memorial simbólico na honra de tódalas vítimas das fronteiras, entre os que se atopan tanto as 15 persoas mortas no Tarajal hai catro anos como os 47 corpos desaparecidos a pasada fin de semana preto das costas de Melilla. Cun círculo de candeas, música e a lectura dalgúns nomes de persoas que perderon a vida nas fronteiras do mundo, honramos a memoria das vítimas, coa presenza dunhas 250 persoas. Para rematar, leuse un manifesto poético no que se reclamaba por parte da sociedade civil a verdade, a xustiza e a reparación para os familiares das vítimas do Tarajal catro anos despois da traxedia.