SJM celebra Vixilias en solidariedade coas persoas encerradas nos CIE

O pasado fin de semana varias entidades da rede do Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM) organizaron e participaron nas xa tradicionais vixilias de oración para denunciar a existencia dos CIE (Centros de Internamento de Estranxeiros) e dar visibilidade ás persoas migrantes que son inxustamente encerradas nestes centros. As cidades de Sevilla, Madrid e Barcelona celebraron estes actos de denuncia, sensibilización e solidariedade, nos que participaron a Asociación Claver, Pueblos Unidos e a Fundació Migra Studium.

O venres 17 de xaneiro, ás 18 horas na Plaza Nueva de Sevilla, unhas 70 persoas celebraron un Círculo de Silencio en homenaxe ás persoas migrantes internadas en CIEs, co lema ‘Para que eses muros? Devolvamos a esperanza’. Organizada pola Delegación Diocesana de Migracións de Sevilla e a Asociación Claver-SJM, numerosas organizacións da Igrexa que traballan coas persoas migrantes participaron no acto. Léronse testemuños reais de situacións de internamento, de sufrimento persoal perante a inxustiza dos CIE.

En Madrid, a Vixilia de Oración tivo lugar o sábado 18 ás 12:00 do mediodía. Organizada polo Centro Pueblos Unidos da Fundación San Juan del Castillo, e co apoio das entidades que pertencen ás redes #MigrantesConDerechos e a Mesa de Hospitalidade da Arquidiocese de Madrid, congregou ao redor de 140 persoas na Praza do Metro de Aluche en Madrid, moi preto do emprazamento do CIE. No acto participaron algunhas das persoas migrantes acompañadas por Pueblos Unidos que pasaron por estes centros de internamento, así como algunhas organizacións sociais da Igrexa que traballan con este colectivo.

Trala apertura do acto, co lema de ‘Máis Hospitalidade, Menos Hostilidade’, a cargo do director de Pueblos Unidos Iván Lendrino, participaron coa súa reflexión particular Jose L. Segovia, Vicario da Pastoral Social e Innovación de Madrid e capelán no CIE; Javier Baeza, párroco de San Carlos Borromeo en Vallecas; e José Luis Pinilla, secretario da Comisión Episcopal de Migracións da Conferencia Episcopal Española, entre outras persoas. Un acto de reflexión e pregaria, e homenaxe ás persoas migrantes internas con candeas, música e oracións pechou a xornada de solidariedade.

Por último, o sábado 18 ás 18.00 horas, a Fundació Migra Studium congregou máis de 250 persoas na porta do CIE da Zona Franca de Barcelona para celebrar a xa tradicional Vixilia de Oración interrelixiosa co lema ‘No esteu sols, Prou Hostilitat’ (‘Non estades sós, chega de Hostilidade’). 45 organizacións moi diversas, como Cristianisme i Justicia, Cáritas, varias das delegacións diocesanas, SOS Racisme, Fundació Pere Tarrés, i Consell Islámic de Catalunya ou Acció Católica Obrera, adheriron á convocatoria da vixilia.

Durante o acto puidéronse escoitar lecturas sagradas do cristianismo, o xudaísmo e o Islam que convidan a rexeitar a hostilidade cara ás persoas migrantes, así como testemuños de persoas que acolleron, que promoven e practican a Hospitalidade. Mentres catro músicos acompañaban a oración, o artista Ignasi Flores recolleu nun mural de 6×2 metros pintado na porta do CIE o berro unánime dos asistentes e da sociedade civil: queremos Hospitalidade. Algúns testemuños reais de persoas encerradas despois de máis de 20 anos vivindo en Barcelona, historias de sufrimento, de incredulidade, de incertezas e inxustiza, de dereitos vulnerados, foron lidas e meditadas. Os nomes das 11 persoas mortas desde que existen os CIE foron lidos como peche do acto por parte de Pau Vidal sj, responsable do proxecto CIE en Migra Studium; Carmen Juares, activista antirracista e feminista fundadora da Asociación de Mujeres Migrantes Diversas; e Buha Mahfud, jurista do Centre Iridia de Defensa de Dereitos Humanos e Civís.

Tres vixilias en tres cidades cunha única mensaxe, polo peche dos CIE: “Nin silencio nin indiferenza, queremos Hospitalidade, basta de Hostilidade coas persoas migrantes”.

Asina aquí para apoiar a petición de peche dos CIE