SJM presenta un decálogo de medidas para combater a irregularidade administrativa das persoas migrantes

Nun momento de crise social, económica e sanitaria excepcional, o traballo das administracións públicas, co apoio da sociedade civil, debe pór a énfase na inclusión social de todas as persoas, especialmente das persoas en situación de vulnerabilidade. No caso da poboación migrante, o obxectivo de inclusión será difícil de conseguir se non vai acompañado dunha regularización da súa situación administrativa.

As persoas en situación irregular sofren unha exposición especial a situacións de exclusión social, explotación laboral e/ou sexual e moitas viven en circunstancias que supoñen unha clara e evidente violación dos seus dereitos humanos; problemas para acceder aos servizos sanitarios, dificultades para atopar emprego – necesarios para a súa subsistencia – nesta emerxencia, ausencia de vínculos sociais, falta de prestacións públicas en ausencia de ingresos … O Servizo Xesuíta a Migrantes, cunha traxectoria continua acompañando e documentando casos e historias de persoas migrantes, propón o seguinte decálogo de medidas urxentes, con base en mecanismos legais existentes, centradas na prevención da irregularidade administrativa sobrevida, na promoción da regularización de perfís vulnerables ou que teñan unha relación laboral informal e en evitar que a irregularidade se torne un obstáculo nos próximos meses para o respecto e defensa dos dereitos humanos das persoas migrantes.

  1. Como medida máis urxente, que o Ministerio do Interior emita unha instrución pública a todas as forzas e corpos de seguridade do Estado para que non inicien ningún procedemento sancionador por infracción da Lei de Estranxeiría baseado en estadía irregular, polo menos ata o final do plan de transición da nova normalidade anunciada polo Goberno. Deste xeito, as persoas migrantes en situación irregular poderían saír á rúa sen medo a seren detidas.
  2. Conceder coa maior celeridade posible todas as solicitudes de autorizacións de residencia iniciais que non sexan manifestamente infundadas, así como a renovación de autorizacións de residencia que estean pendentes de tramitación.
  3. Ditar un protocolo de retorno a España claro para todos aqueles estranxeiros residentes legais que quedaron atrapados fóra de España ao se decretar o estado de alarma ou que abandonaron o país seguindo as recomendacións dos servizos consulares do seu país de orixe.
  4. Co obxectivo de evitar irregularidades imprevistas, flexibilizar, durante un período transitorio amplo non inferior a 12 meses, os criterios do artigo 71 do Regulamento de Estranxeiría para a concesión de renovacións de autorizacións de residencia e traballo. Rebaixar os criterios para os períodos mínimos de cotización e manter un criterio flexible sobre a necesidade dun contrato de traballo válido.
  5. Activar o mecanismo previsto na Disposición adicional primeira do Regulamento de Estranxeiría. Ditar criterios e procedementos para conceder permisos de residencia de xeito extraordinario polas circunstancias sociais actuais.
  6. Conceder permisos de residencia prioritarios e preferentes por razóns humanitarias, aplicando de xeito flexible o artigo 126.3 do Regulamento de Estranxeiría para conceder este tipo de autorizacións aos estranxeiros que non poidan regresar ao seu país para tramitar a correspondente visa debido ás circunstancias que vivimos.
  7. Conceder permisos de residencia por circunstancias excepcionais e de interese público, facendo unha interpretación ampla e axustándose ás circunstancias actuais de “razóns de interese público”, en aplicación do artigo 127 do Regulamento de Estranxeiría e o artigo 6.4 da  Directiva 2008/115 / CE  .
  8. Conceder a prorrogación ás autorizacións por circunstancias excepcionais con base no artigo 130 do Regulamento de Estranxeiría e a recente Xurisprudencia que recoñece a posibilidade de prorrogar todas as autorizacións por circunstancias excepcionais. Avaliar as dificultades para pasar a un tipo de autorización de residencia diferente e a repercusión que a irregularidade administrativa tería nas circunstancias persoais dunha persoa.
  9. Consolidar os mecanismos legais que impidan a irregularidade sobrevida das mozas e mozos tutelados por unha entidade pública. Que estas figuras legais sexan o suficientemente flexibles como para permitir tanto un proxecto formativo como unha inserción no mercado de traballo.
  10. Ditar ordes aos corpos policiais encargados da documentación de estranxeiros para dispor un protocolo que recoñeza a eficacia do silencio administrativo positivo nos procedementos de renovación e permita axilizar o trámite da documentación.

CONSULTA AQUÍ EL DECÁLOGO COMPLETO (cas)

CONSULTA AQUÍ EL DECÀLEG COMPLET (cat)