Somos Migrantes na Universidade de Vigo

A exposición fotográfica Somos Migrantes foi inaugurada na Universidade de Vigo co gallo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, celebrado o pasado 20 de xuño. A través dun formato deseñado polo Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade do Concello de Vigo mediante a súa campaña de sensibilización ‘Impórtanos‘, a mostra de imaxes está dispoñible para visitar na Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo ata o próximo 9 de xullo. 

O acto de inauguración que tivo lugar o 20 de xuño foi presentado polo Rector da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; José Luis Barreiro, coordinador rexional de Entreculturas en Galicia e Asturias; e Xosé Mª Mahou, director da Área de Responsabilidade Social e Cooperación do Concello.

Esta exposición fotográfica foi promovida polas organizacións xesuítas que promoven a xustiza social e a acollida: a campaña Hospitalidad, a Fundación Entreculturas, os Servizos Xesuíta a Migrantes de España e México, e, pola súa banda, a Comisión Episcopal de Migracións, e percorreu numerosos lugares da xeografía española. Unha mostra da realidade nas fronteiras onde milleiros de persoas arriscan as súas vidas na busca dunha vida digna e con futuro lonxe dos seus fogares. Segundo os últimos datos ofrecidos por ACNUR, máis de 70 millóns de persoas no mundo vense forzadas a deixaren as súas casas e a migraren a outros lugares. Esta exposición amosa, a través de fotografías de máis de 25 autores, a vida nalgunhas destas barreiras no mundo: España-Marrocos, EEUU-México, Mar Mediterráneo, etc. Porque todos somos migrantes, só algúns atravesan fronteiras.