Un paso atrás na protección das persoas migrantes e refuxiadas que non lexitima as devolucións sumarias

Comunicado da Rede #MigrantesconDerechos sobre a sentenza do TEDH de devolucións sumarias

A Gran Sala do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH) desestimou a demanda de N.D e N.T contra España, nun cambio de criterio respecto á primeira sentenza de outubro de 2017

Esta decisión supón un paso atrás na protección das persoas migrantes e refuxiadas, e decepciona as entidades da sociedade civil que defenden as garantías dos dereitos humanos nos procedementos de control de fronteiras.

Sería un erro pensar que este fallo lexitima o procedemento de devolución sumarias

A Gran Sala do TEDH desestimou a demanda de N.D. e N.T. (recursos 8675/15 e 8697/15) contra o Reino de España. Desde a Rede Migrantes con Derechos (integrada pola Comisión Episcopal de Migraciones, Cáritas, CONFER e Justicia y Paz) sinálase que a decisión xudicial é dolorosa para as persoas e refuxiadas, así como para as entidades da sociedade civil que defenden as garantías dos dereitos humanos nos procedementos de control de fronteiras. Non obstante, sería un erro pensar que esta decisión lexitima o procedemento do “rexeitamento na fronteira”, é dicir, das devolucións sumarias ou “en quente”.

A sentenza contén elementos doutrinais moi importantes. En primeiro lugar, deslexitima o concepto operativo de fronteira que manexa o Ministerio do Interior. A sentenza recoñece que os demandantes entraran en territorio español e que estaban baixo a xurisdición española, polo que se lles debía aplicar o ordenamento xurídico do noso país e o da Unión Europea, tamén no que respecta aos seus dereitos humanos. Así, e con carácter xeral, as autoridades españolas non poden pretender que quen saltou a cerca sen pasar a liña de contención das forzas e corpos de seguridade do Estado non entre en España. E non pode haber unha norma que regule o rexeitamento na fronteira sobre esa presuposición.

En segundo lugar, o TEDH recoñece que todo procedemento de expulsión, devolución e non admisión de entrada ou rexeitamento en fronteira ten que respectar unhas garantías mínimas: identificar a persoa, coñecer as súas circunstancias persoais, e darlle a posibilidade de solicitar protección e de recorrer a decisión de os sacar forzosamente do territorio, pondo á súa disposición servizos de defensa letrada e de interpretación. Cando se devolve, rexeita, expulsa… a varias persoas en grupo (non esixe un número mínimo nin que teñan características comúns), prodúcese unha expulsión colectiva, contraria ao ordenamento europeo de DD.HH. Non pode haber unha norma que regule un procedemento que descoñeza o tratamento personalizado dos casos.

É certo que o TEDH admite dúas excepcións ás garantías de contar cun procedemento personalizado: cando un individuo non coopera activamente nos labores de identificación e cando quen atravesou a fronteira ilegalmente fóra dos pasos fronteirizos e botou man do efecto da masa e do uso da violencia. Son casos nos que despois non poderían esixir a aplicación de garantías perfectamente válidas con carácter xeral.

Por último, sinalamos un aspecto moi preocupante do fallo. O Tribunal desestima a alegación de que se teña producido unha expulsión colectiva por canto os demandantes non proban a imposibilidade de acceder á Oficina de Asilo e Refuxio do posto fronteirizo de Beni Enzar nin de solicitar asilo na embaixada de España ou nalgún dos consulados.

A Igrexa, desde o seu acompañamento próximo ás persoas migrantes e refuxiadas nos dous lados da cerca, é testemuña de que as persoas subsaharianas nunca puideron pasar os postos de control fronteirizo marroquís para chegar á Oficina de Asilo e Refuxio en Beni Enzar: as forzas de seguridade marroquís mantéñenos afastados da fronteira usando a forza. Cómpre lembrar que en 2018 a Comisión Episcopal de Migracións pedía ao Goberno que se acabara coas devolucións sumarias de migrantes nas fronteiras de Ceuta e Melilla con Marrocos.

Máis é, denunciamos que no último ano e medio creceron as dificultades de acceso para persoas con perfís que antes si podían chegar á OAR: sirias, palestinas e iraquís. O acceso sempre foi difícil para as persoas iemenís e exipcias: só teñen acceso expedito as marroquís e, usando documentación allea, as alxerinas e tunesinas.

É preocupante que a Gran Sala manteña esta posibilidade, así como a solicitude de visados ou a petición de asilos en Consulados e Embaixadas, xa que demostra un descoñecemento profundo da realidade que acompañamos todos os días. 

A Rede Migrantes con Derechos seguirá comprometida co traballo directo coas persoas migrantes e refuxiadas para que as garantías legais nos procedementos de fronteira se cumpran e para que as vías legais sinaladas polo Tribunal de Estrasburgo sexan reais e efectivas. Así mesmo, confía en que o Tribunal Constitucional de maneira firme e clara sinale como inconstitucional calquera práctica que limite esas garantías legais.