Unha ollada para as experiencias de acollida en Hospitalidad

Co gallo do Día Mundial das Persoas Migrantes (18 de decembro), o Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM) lanzou esta campaña de vídeos para explicar o funcionamento das Comunidades de Hospitalidad que lanzou en España hai case tres anos.

O proxecto esténdese por Barcelona, Madrid, Sevilla, Bilbao e Valencia. Consiste en que familias, ou comunidades de laicos e máis de relixiosos axuden na acollida de familias e persoas refuxiadas. A rede conta con máis de 300 voluntarios e acolleu máis de 300 persoas migrantes con necesidades de protección nestes tres anos de singradura.

Este proxecto de acollida busca ofrecer unha resposta a dúas situacións: a primeira acollida, é dicir, a de emerxencia  temporal de persoas migrantes que chegan a España e non poden acceder aos recursos do sistema de acollida por falla de prazas. Esta acollida é dun tempo non superior a 9 meses e dura ata que as persoas poidan acceder a unha praza no sistema de acollida. E por outra banda, a acollida de longa duración (ata 2 anos) a persoas migrantes vulnerables, especialmente familias, unha vez que esgotaron as axudas do sistema de acollida e que precisan de máis apoio para conseguiren autonomía.

As  experiencias buscan articular a solidariedade cidadá para: dar unha resposta integral ás persoas migrantes que responda aos baleiros do sistema nacional de protección e integración; e promover experiencias de encontro e hospitalidade que faciliten a integración, a convivencia e a construción de sociedades plurais.

No marco da Campaña Hospitalidad da Compañía de Xesús, a rede do SXM, a través das obras locais, impulsou a posta en marcha destas comunidades. Podes ver nestes vídeos todo o que esta experiencia xerou tanto nas persoas que foron acollidas, coma nas comunidades de hospitalidade. En concreto na rede de familias de Barcelona, na Comunidade de Guadalupe (Madrid), en Casa Mambré (Sevilla), en Jesuiten Extea (Bilbao) e en ‘Acogemos en Compañía’ de Valencia.

 

Barcelona. Rede de Familias

Madrid. Comunidade da parroquia de Guadalupe

Sevilla. Casa Mambré.

Bilbao. Jesuiten Etxea (Durango)

Valencia. Acogemos en Compañía