V Aniversario da Traxedia do Tarajal

O mércores 6 de febreiro cumpríronse cinco anos dunha das maiores traxedias sucedidas nas fronteiras españolas. 15 persoas perdían a vida na praia do Tarajal, Ceuta, en medio dunha cuestionada actuación policial con disparos de bólas de goma e deixando sen auxilio as persoas migrantes que tentaban alcanzar a nado a cosa ceutí.

Tralo peche da causa xudicial, a Audiencia Provincial ordenou a reapertura do caso para esclarecer as condiciones en que morreron estas 15 persoas e se existiron delitos por parte das forzas de seguridade, esgrimindo a falta de intención por escoitar testemuñas da traxedia. Desde aquel fatídico 6 de febreiro de 2014, numerosas organizacións están a acompañar a familiares das vítimas e superviventes, que aínda hoxe, un lustro despois, seguen a loitar por teren xustiza, conseguir a verdade e obter reparación. A homenaxe que cada ano se fai nestas datas ás persoas que morren nas fronteiras é a mellor forma de non esquecermos e de dármoslle a dignidade que aquel día se lles arrebatou de golpe.

Desta vez, unha protesta fronte ao Ministerio de Interior, no Paseo da Castellana de Madrid, congregou unhas 150 persoas para reclamar de novo unhas políticas migratorias que respecten os dereitos humanos e para honrar a memoria das falecidas naquela traxedia. Convocada por diversas organizacións, entre as que estaba a Coordinadora de Barrios, a Rede Solidaria de Acollida ou a Rede Interlavapiés, léronse testemuñas das propias persoas superviventes ou que pasaron por estas vivencias, escoitáronse audios reais de aquel día, recitáronse poesías e expresáronse as principais reivindicacións nun manifesto conxunto.