‘Dar visibilidade ao invisible”: muller migrante traballadora do fogar

O Servizo Xesuíta a Migrantes (SJM) presentou este pasado 13 de novembro o relatorio ‘Dar visibilidade ao Invisible’, Mulleres Migradas e emprego do fogar”. O relatorio parte dunha detida ollada para a realidade das mulleres traballadoras do fogar e coidados para desembocar no recoñecemento da loita destas mulleres en prol dunhas condicións de traballo dignas. Sofren múltiples discriminacións, consecuencia do menosprezo e da falta de recoñecemento nunha sociedade que normalizou este tipo de situacións. A enorme desigualdade de dereitos no traballo do fogar, multiplica as situacións de vulneración dos dereitos das traballadoras.

A partir do estudo en profundidade de situacións acompañadas polas organizacións membro do SJM en Bilbao (Fundación Social Ignacio Ellacuría), Madrid (Centro Pueblos Unidos-Fundación San Juan del Castillo), Sevilla (Asociación Claver), Valencia (SJM Valencia) e Valladolid (Red Íncola), o relatorio pretende identificar as vulneracións de dereitos das empregadas do fogar e de coidados; amosar as situacións inxustas a que se atopan sometidas; e pór de relevo o esforzo de organización e denuncia que as propias mulleres realizan para melloraren a súa situación e exerceren a súa cidadanía. Así mesmo, pretendeuse facer un esforzo por revisar o rol das organizacións sociais e identificar boas prácticas para protexer situacións de vulneración de dereitos e, acompañar as loitas e reivindicacións das mulleres traballadoras do fogar.

No marco deste estudo, identificáronse entre outras: a alta incidencia da informalidade laboral (case a metade das mulleres entrevistadas non están dadas de alta na Seguridade Social e máis da metade non contan con contrato por escrito); a vulneración sistemática dos dereitos laborais (ao 70 % das mulleres consultadas non se lles remuneran as horas de presenza e realizan tarefas para as que non foron contratadas); e a identificación de situacións de explotación, que reviste especial gravidade no caso das traballadoras do fogar en réxime interno. Neste caso, a maioría das mulleres internas entrevistadas traballan máis de 12 horas diarias sen descanso no medio da xornada, sen respecto polos días de vacacións, festivos, ou sen as horas de descanso estipuladas entre xornadas ou na fin de semana.  Máis preocupante aínda, é que un terzo das mulleres entrevistadas denuncia ter sufrido acoso laboral, violencia, vexacións, ou abuso sexual.

O SJM considera fundamental mobilizar os diferentes actores sociais e políticos no sentido de achegar posicións e xerar consensos que non xoguen coa dignidade das persoas e que garantan a protección e os plenos dereitos das traballadoras do fogar. Por iso, queremos que os nosos políticos se comprometan con esta causa en Visibles.org e con 8 liñas brancas que se consideran imprescindibles na loita por dignificar o traballo do fogar e os coidados.


DESCARGA AQUÍ O RELATORIO