#YoTiendoPuentes: Concentrámonos en 15 cidades para esixir hospitalidade coas persoas migrantes e refuxiadas

Esta fin de semana saímos á rúa en 15 cidades para continuar coa recolla de sinaturas da iniciativa #YoSoyTierraDeAcogida. Levamos recollidas máis de de 20.000 adhesións e queremos chegar ás 30.000 sinaturas para entregar o próximo 19 de xuño no Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

MONTAJE2

Durante os diferentes actos, despregamos pancartas coas nosas mensaxes #YoSoyTierraDeAcogida e #YoTiendoPuentes e lemos un mesmo manifesto esixindo que se destinen fondos suficientes para que o acollemento se axeite ás necesidades e dereitos das persoas refuxiadas; que se articulen formas para permitir a participación de unha cidadanía solidaria que repetiu que desexa ser Terra de Acollida; que defenda perante a UE políticas migratorias xustas coa dignidade e os dereitos humanos no centro; que desenvolve unha política de Cooperación Internacional non supeditada ao control de fronteiras e que incorpore a Educación para a Cidadanía Global ás políticas educativas para formar persoas comprometidas e fomentar sociedades de acollida integradas e pacíficas.

Máis de 5.000 persoas perderon a vida no Mediterráneo só en 2016. Un de cada catro eran nenos, nenas e adolescentes, e a maioría viaxaban sós.  Por mor do aumento do control migratorio naqueles países cos que a Unión Europea chega a acordos, as persoas saen á procura de rutas que acaban por seren máis perigosas. En setembro, vence o prazo para que o Goberno de España cumpra cos compromisos de acollida adquiridos coa UE. Así mesmo, cando as persoas conseguen chegar finalmente a España atópanse un sistema de acollida sobresaturado e pouco garantista.  Moitas das persoas refuxiadas vense en poucos meses abandonadas nas marxes do sistema, sen apoios que garantan a súa integración e autonomía.

MONTAJE1

En nome da campaña, moitas grazas a tódalas persoas voluntarias e entidades implicadas en tornalo posible en Badaxoz, Barcelona, Bilbao, Burgos, Córdoba. Huelva, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, San Sebastián, Sevilla, Tudela e Valencia. (La Palma celebrará o seu acto o sábado 10 e Vigo o domingo 11).

Encoraxámosvos a continuardes coa recolla de sinaturas en #YoSoyTierraDeAcogida. Desde Hospitalidad.es continuaremos a reivindicar unha cultura de hospitalidade e a tender as nosas pontes a tódalas persoas refuxiadas e migrantes que se viron na obriga de saíren da súa terra.

Álbum de fotografías