A hospitalidade
abre a porta á paz.
#CamiñosDeHospitalidade é unha iniciativa da campaña Hospitalidade que pretende xerar unha cultura de solidariedade e inclusión coas persoas que se ven forzadas a migrar. Deixar os prexuízos atrás e construír unha cultura fraternal de esperanza e encontro con outras culturas.
Ten a súa orixe no legado que nos deixou o pai Frans Van der Lugt, xesuíta que morreu no asedio de Homs en 2014, tras levar case 50 anos vivindo en Siria, onde fundara unha granxa e centro comunitario nos arredores da cidade. O pai Frans Van der Lugt era moi querido na súa comunidade e recoñecido polas súas camiñadas anuais polo monte de varios días de duración con mozos de todas as crenzas relixiosas e orixes. Camiños que foron precursores na defensa da humanidade, que simbolizan a paz e a convivencia entre pobos máis alá de ideoloxías, crenzas relixiosas, orixe, xénero. Camiños que simbolizan o rexeitamento a toda forma de violencia, desigualdade e hostilidade.
Na diversidade de respostas e propostas da Compañía de Xesús, a Hospitalidade foi xurdindo e foise recoñecendo como un elemento central e transversal, non só na acción dos xesuítas, senón especialmente na interacción entre migrantes e comunidades de tránsito e destino. A través das distintas iniciativas de Hospitalidade postas en marcha nas Conferencias de Europa e América, recollemos o legado do pai Van der Lugt e naceu Camiños de Hospitalidade. Nestes anos, miles de persoas saíron a camiñar en decenas de cidades de todo o mundo como mostra de apoio á dignidade das persoas refuxiadas e migrantes.
Únete a Camiños de Hospitalidade.Donar
Porque a hospitalidade é o camiño.
Son moitos os camiños que as persoas migrantes e refuxiadas seguen véndose obrigadas a iniciar. As situacións de violencia e conflito armado; o empobrecemento e a desigualdade; a falta de acceso a recursos de vida; e o cambio climático provocan que máis de 123 millóns de persoas se vexan forzadas a desprazarse no mundo. Delas, máis de 35 millóns son persoas refuxiadas noutros países distintos ao de orixe.
A través de #CamiñosDeHospitalidade queremos xerar un futuro de acollida e esperanza.
Camiños de Hospitalidade
Unimos forzas a nivel global para camiñar pola hospitalidade e a esperanza. Á iniciativa de #CamiñosDeHospitalidade impulsada pola campaña Hospitalidade das obras do Sector Social dos Xesuítas en España súmanse o Servizo Xesuíta a Refuxiados Europa (JRS Europe), a Rede Xesuíta con Migrantes de Latinoamérica e Caribe (RJM LAC) e a súa Campaña pola Hospitalidade; e a Federación Internacional de Fe e Alegría (FIFyA).